A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, denunciou hoxe que “o sanchismo está arrastrando o nome de España polas cloacas” e invitou a todos os galegos e ao resto de españois a manifestar o seu rexeitamento a esta situación: “A calquera demócrata, sexa de esquerdas ou de dereitas, debería preocuparlle que dentro do PSOE haxa tramas mafiosas”.
Referiuse así á concentración convocada este domingo en Madrid e á que o presidente Alfonso Rueda, ela mesma e unha “boa representación” dos populares galegos acudirán para “esixir alto e claro respecto para Estaña” e “dicir que xa está ben”. De feito, invitou a acudir tamén aos líderes da oposición galega, Ana Pontón e a Xosé Ramón Gómez Besteiro, xa que, na súa opinión, eles “tamén deberían dicir ‘xa basta’ a Sánchez, condenar ao Goberno das cloacas e pedir eleccións xerais”.
“Estamos ante un PSOE que está sostido, entre outros, polo BNG, e atrapado nas súas propias mentiras, nas súas propias trampas e nun sistema absolutamente corrompido”, asegurou cualificando de “verdadeira vergoña” os feitos coñecidos nos últimos días e que supoñen “a retransmisión en vivo e en directo da degradación de España, da caída do Partido Socialista e o adeus de Pedro Sánchez”.
A número dous do PPdeG subliñou que “nin os galegos nin o resto de españois merecen os espectáculos que levamos vivindo nos últimos meses e que xa son incontables”. Non en balde, engadiu, “cando parece que nada pode ir a peor neste epílogo do Goberno central, sempre aparece algo novo”.
“O sanchismo está arrastrando o nome de España polas cloacas e o que pasou onte non foi un circo, foi un sinal máis de que o PSOE está en caída libre”, concluíu ironizando que, con Pedro Sánchez presente na Conferencia de Presidentes de mañá, “pode pasar de todo e mesmo que apareza Aldama por unha esquina”.
CONFERENCIA DE PRESIDENTES
Precisamente ao respecto da Conferencia de Presidentes, a secretaria xeral dos populares galegos manifesto o seu escepticismo logo do que ten acontecido noutras ocasións: “Galicia vai coas expectativas baixas”.
“A última Conferencia e a última reunión de Alfonso Rueda con Pedro Sánchez foron estériles e a sensación é que o Goberno central non ten a mínima intención de escoitar nin de pactar nada”, denunciou apuntando a que o obxectivo “evidente” desta convocatoria é “tapar o ruído atronador que fan as cloacas socialistas”.
Con todo isto, remarcou, “Galicia non vai renunciar a facerse escoitar e a elevar as súas inquedanzas e prioridades a todos os foros nos que estea presente”.
ANIVERSARIO DAS ELECCIÓNS EUROPEAS
Paula Prado aproveitou a ocasión para recordar así mesmo que o próximo luns vaise cumprir un ano das eleccións europeas nas que o PPdeG sumou case medio millar de votos –“máis votos que o PSOE e o BNG xuntos”, apuntou– e gañou no 97% dos concellos galegos, sendo Ourense e Lugo as provincias con máis apoio ao PP de toda España.
“Demostramos que cando lle preguntamos aos galegos e galegas nas urnas, sempre somos maioritariamente a súa resposta e, grazas a iso, somos o único partido galego con dos eurodeputados”, destacou facendo unha contraposición do éxito do proxecto popular co “fracaso” do independentismo galego.
De feito, a secretaria xeral acusou ao BNG de “estafar” aos galegos logo de que “non lles chegara con mentir sobre o seu programa nas eleccións autonómicas, nin con ocultar aos seus socios nas europeas, senón que tamén esconderon o seu reparto de tempos co independentismo catalán cun escano medio galego, medio catalán”.
O escano do independentismo galego na Eurocámara é, polo tanto, un “engano” e, de deito, xa falta menos “para que o escano do BNG se converta nun escano en mans do independentismo catalán unha vez se cumpra o pacto que ocultan a todos os galegos e galegas”.