A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou hoxe á súa formación como “o partido que máis e mellor representa aos pequenos concellos do rural”, indicando que os populares gobernan actualmente no 60% dos municipios de menos de 5.000 habitantes: “6 de cada 10 galegos benefícianse do bo facer na xestión que nos caracteriza”.
Un compromiso co rural que a número dous dos populares galegos fai extensivo ao Goberno liderado por Alfonso Rueda, como así demostran os numerosos servizos que a Xunta pon a disposición dos pequenos concellos. Mencionou neste sentido as casas niño, as casas do maior ou os impostos 0 no rural, así como a prestación de servizos sociais, sanitarios e educativos.
“É fundamental que o Goberno de España tamén se implique na financiación destes servizos no rural porque en Galicia temos unhas condicións diferentes ao resto de España, como son o envellecemento e a dispersión poboacional, que fan que estes servizos sexan máis caros que noutros lugares”, indicou Paula Prado.
Neste sentido contrapuxo “a aposta decidida do PPdeG por manter e achegar servizos a todos os cidadáns que desexan e deciden vivir no rural”, fronte á falta de implicación do Goberno central no financiamento destes servizos. Algo que exemplificou co incumprimento por parte do Estado do 50% de financiamento que lle corresponde dos servizos de dependencia.
“En lugar de contribuír economicamente á prestación destes servizos, o que estamos vendo é a Pedro Sánchez negociando e subastando a súa investidura a cambio de darlle a 450.000 millóns de euros a Cataluña”, criticou Paula Prado ao tempo que remarcaba que eses cartos “vánselle restar ao resto de comunidades e por tanto tamén a Galicia”.
De aí que a secretaria xeral do PPdeG non dubide en afirmar que “canto máis se apoie a Sánchez, menos se está apoiando a Galicia”; pedíndolle nesta liña ao PSOE galego e ao BNG que “poñan por as necesidades de Galicia por diante dos intereses de Pedro Sánchez”.
“O BNG xa deixou claro na noite electoral do 23 de xullo que ía apoiar a Sánchez a cambio de nada e hai uns días víamos aos secretarios provinciais do PSOE afirmar publicamente que apoiarían ao seu líder”, explicou remarcando que “apoiar a investidura de Sánchez é apoiar a amnistía, o referendo de independencia e que se resten 450.000 millóns de euros doutros territorios para darllos a Cataluña”.
UN CENTRO DE REFERENCIA NA FORMACIÓN DE BOMBEIROS A NIVEL EUROPEO
O responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, quixo destacar o traballo que se está a facer nas instalacións do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén a prol “dun servizo modélico como é o de prevención e extinción de incendios forestais de Galicia”.
Emprazado na ubicación do antigo hospital psiquiátrico, este centro conta con máis de 10.000 metros cadrados de edificacións que se están a recuperar actualmente xunto ás 90 hectáreas da contorna co obxectivo de “facer un centro de referencia de formación de bombeiros forestais a nivel europeo”.
O conselleiro afirmou que a Xunta leva feito un investimento de máis de 3 millóns de euros no Centro Integral de Loita contra o Lume na busca de dotalo de operatividade. Neste sentido, indicou que actualmente xa están en funcionamento a pista de formación física dos bombeiros e a de adestramento de condutores de motobombas e todoterreos.
González insistiu na posta a disposición deste centro a calquera administración e volveu recordar que xa se dirixiu en varias ocasións ao Goberno de España para trasladarlle que “sería moi axeitado que esta provincia especialmente afectada polos incendios forestas contara cunha segunda brigada de reforzo”.
“Pretendemos que este centro se converta nun centro de referencia a nivel europeo na formación de bombeiros forestais, non só de Galicia, senón tamén do conxunto do territorio nacional”, concluíu.