Alberto Pazos contrapuxo o compromiso democrático e o respecto polas institucións do presidente Alfonso Rueda co do presidente Pedro Sánchez: “Aínda non se cumpriron catro anos desde que se converteu en presidente de todos os galegos e xa triplica o número de debates de política xeral, ademais de cuadriplicar o número de orzamentos aprobados nos oitos anos de Goberno de Sánchez”.
Tal e como salientou o portavoz do Grupo Popular, Galicia continúa a ser unha illa de estabilidade, grazas a que as galegas e os galegos apostan por manter a nosa terra afastada do ruído, do populismo e da lea permanente.
Dixo que a única base posible para o consenso é o programa electoral que foi referendado maioritariamente nas urnas, o cal se converteu nun “compromiso formal, vinculante e de cumprimento inescusable”.
Aproveitou para poñer en valor a educación de primeiro nivel, a atención sanitaria de gran calidade e servizos públicos solventes, modernos e avanzados, así como, tamén, un estado do benestar moi consolidado.
Lamentou o relato “distópico” e “apocalíptico” dos grupos da oposición: “Os galegos non poden recoñecerse nesa Galicia disparatada que vostedes debuxan”.
“Galicia non está na visión deformada que nos queren trasladar, senón na visión realista dos que cada día traballan coa esperanza de que a Galicia do solpor sexa un pouco mellor que a Galicia na que amenceron”, remarcou.
Fronte a isto, fixo fincapé en que Galicia ten unha das mellores sanidades do mundo. Referiuse á campaña de “permanente desprestixio” ao que os grupos da oposición a someten, aínda sendo a sétima mellor valorada de España.
“Sufrimos a mesma falta de especialistas de atención primaria que toda España. Sufrimos a mesma folga de profesionais que toda España. E sufrimos a mesma indolencia da ministra de Sanidade de toda España”, subliñou.
Nesta liña, instou á oposición a que lle pidan ao Goberno de España que convoquen o MIR extraordinario que solicitan as Comunidades, o aumento das prazas de formación MIR e que se senten a negociar cos profesionais.
Ratificou o compromiso do Goberno galego con Ourense coas obras de reformas nos hospitais de Ourense e de Verín; a posta en marcha da residencia pública, financiada pola Fundación Amancio Ortega; o Centro de Excelencia en Ciberseguridade; o Cento Integral de Saúde; o IES de Pereiro de Aguiar ou o centro integral do Lume, en Toén.
E lamentou que Democracia Ourensana predique unha cousa no Parlamento e faga a contraria no concello de Ourense: “Non sei se pedir investimentos nesta Cámara para despois bloquealos na cidade é unha boa estratexia electoral, pero sei que é un pésimo negocio para Ourense”.
Apuntou, tamén, aos diferentes frontes que ten abertos o PSdeG ao longo do territorio. E mencionou a situación de “caos absoluto” no que se atopan as agrupacións municipais de Santiago de Compostela, Ourense, Barbadás, Lugo e máis de 15 concellos paralizados na provincia de Pontevedra.
Para Alberto Pazos, “o epicentro da desfeita socialista” é a provincia de Lugo, onde expulsaron ao ex presidente da Deputación do partido e do grupo provincial por “comportamentos indignos”, pero, ao mesmo tempo, o manteñen cos seus votos na Alcaldía de Monforte e lle soben o salario.
Sinalou a hipocrisía do secretario xeral dos socialistas galegos, ao recordar que, durante o Debate de política xeral, dicía que a igualdade non se negociaba, cando non atende as denuncias de comportamento machistas que lle trasladan empregadas do seu partido.
Afeou a falta de compromiso do Goberno central coa vivenda en Galicia: “Ducia de cámaras e de fotos, catro roldas de prensa e nin un só euro de fondos estatais propios”.
O portavoz do Grupo popular aproveitou para salientar “a submisión a Ferraz” do voceiro do PSdeG e o boicot ao avance de Galicia. Así, incidiu no “listado de agravios do Goberno”: o traspaso da AP-9, o “lamentable” estado das estradas e do servizo ferroviario, o bloqueo á creación de 2.500 empregos e ao plan de choque para a dependencia ou á desconexión eléctrica industrial de toda a provincia de Lugo.
Referiuse á oposición “contumaz e recorrente” do BNG a todos e cada un dos avances que ten experimentado a sociedade galega e puxo como exemplos: Alcoa, a AP-9, o Xacobeo, as casas niño, as casas do maior, as rebaixas fiscais ou a ampliación de Stellantis.
Dixo que os galegos non comparten “esa permanente obsesión do BNG de debuxar unha Galicia triste, gris e dramaticamente pontoniana”.
“Estamos acostumados a que nos dean leccións de dependencia xudicial os mesmos que critican as decisión xudiciais; a que falen de respecto á soberanía dos pobos os mesmos que negan a soberanía do pobo venezolano; a que nos dean leccións sobre xenocidio os que bloquean declaracións institucionais condenando o maior xenocidio da historia; e a que nos dean leccións de humanidade os que bloquean unha declaración institucional en defensa das mulleres iranias”, indicou.
“Contra á guerra estamos todos”, insistiu Pazos, para engadir que “algúns, ademais de dicir non á guerra, tamén, nos atrevemos a dicir si a paz”. Neste punto, fixo referencia á situación en Irán, Gaza, Ucraína e no Sáhara Occidental.
Criticou o “comportamento desleal” do BNG nos momentos de dificultades, e puxo como exemplo a crise financeira, a pandemia ou os pélets, nos que tentaron manipular á opinión pública.
Aproveitou para incidir en que, fronte aos grupos da oposición que sementan alarma e espallan enganos, hai sempre un Goberno do PPdeG ao carón dos galegos.
Para finalizar, puxo en valor o modelo de xestión do presidente Rueda e destacou o récord de emprego industrial, o impulso a unha fiscalidade xusta, a redución da débeda, o aumento do autogoberno, a mellora dos servizos públicos e a modernización da frota e do agro. Asemade, salientou a aposta pola vivenda pública, por máis residencias de maiores e máis escolas infantís, unha educación pública accesible e de calidade, e terapias e tratamentos de vangarda.
E rematou remarcando a importancia de evitar a polarización e a intolerancia.