O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe que os agravios do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia sumaron esta semana dúas novas aldraxes co aprazamento ata 2027 da liberalización do transporte ferroviairio de alta velocidade e a eliminación de dous xulgados de instrución en Vigo e A Coruña para a creación de novos xulgados de violencia sobre a mulleres nestas cidades, decisión que suporá un aumento considerable da carga de traballo para os outros xulgados.
Alberto Pazos comezou a súa comparecencia referíndose á Conferencia de Presidentes que se está a celebrar hoxe en Barcelona, un encontro no que “non temos depositada moitas esperanzas de que se cheguen a acordos, pero que esperamos que finalmente sexa útil e sirva para avanzar nas cuestións que preocupan ás comunidades”.
PRESIÓNS PARA AMPLIAR A ORDE DO DÍA
Neste sentido, saudou que “as presións realizadas polos presidentes autonómicos do PP conseguiron finalmente que o Goberno de Pedro Sánchez aceptara ampliar a orde do día desta Conferencia para incluír outras cuestións que desde as comunidades consideramos prioritarias”. Así, a maiores de abordar asuntos propostos polo Goberno central como a vivenda ou a formación universitaria e profesional, abordaranse outras cuestións como as medidas que se deben adoptar para que non se volva repetir o apagón eléctrico que sufrimos hai pouco máis dun mes; o control das fronteiras e a política migratoria; afrontar o caos existente no transporte ferroviario, cun plan de choque urxente de investimentos e coordinación coas comunidades autónomas; ou, unha vez máis, reclamando accións para incrementar o número de profesionais sanitarios ou o abono do 50 por cento do custo da prestación da dependencia.
“E, por suposto, a posta en marcha dun novo modelo de financiamento autonómico, tan necesario como demandado polas comunidades autónomas que lles permita facer fronte á prestación dos servizos que piden os seus cidadáns, e que leve aparellado tanto o rexeitamento da proposta de condonación da débeda; como o respecto á autonomía tributaria; ou a actualización das entregas a conta, que cada mes supoñen cerca de 130 millóns de euros para as arcas galegas”, indicou.
AGRAVIOS EN AUMENTO
Así mesmo, Alberto Pazos que “cada día que pasa, os agravios do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia van en aumento, co beneplácito de nacionalistas e socialistas galegos”, porque lembrou que “esta semana sumamos dúas novas aldraxes”.
“A primeira delas, cando coñecemos que o Ministerio de Transportes retrasou ata o vindeiro 2027 a chegada a Galicia da liberalización do transporte ferroviario de alta velocidade, co que Galicia volve a sufrir o desprezo do Goberno socialista ao situala como unha comunidade de segunda, xa que os usuarios das liñas entre Madrid e Barcelona, Andalucía ou Levante xa poden gozar desde hai anos das vantaxes e do menor custo logo da liberalización viaxes no tren de alta velocidade”, explicou.
Respecto da segunda aldraxe do Goberno de Pedro Sánchez sufrida esta semana por Galicia, o portavoz popular referiuse á eliminación de dous xulgados de instrución en Vigo e A Coruña para a creación de novos xulgados de violencia sobre a muller nestas dúas cidades”. “Por suposto que saúdamos a creación de catro novos xulgados de violencia de xénero en Galicia, pero, ao mesmo tempo, lamentamos que só serán de nova creación os xulgados de Santiago e Ourense”, concretou.
“Esta decisión suporá un aumento considerable da carga de traballo nos xulgados de instrución de A Coruña e Vigo, agravando a xa excesiva ocupación que sufrían estes xulgados, denunciada incluso polo propios Colexios de Avogados”, sinalou Alberto Pazos, quen apuntou que esta situación “derivará nun atraso e nunha deficiente atención aos asuntos que chegan aos xulgados de A Coruña e Vigo, prexudicando aos galegos que se ven obrigados a acudir a estas instancias para a tramitación das correspondentes dilixencias”.
Por último, Alberto Pazos tamén lembrou “outras recentes decisións do Goberno de Pedro Sánchez que tamén supoñen prexuízos para Galicia, en ámbitos tan sensibles como é a política social”, En concreto, citou a decisión de reducir nun 25 por cento a aportación do Goberno central ao Plan Corresponsables, obrigando ás comunidades autónomas que queiran recibir esta axuda a poñer do seu peto ese recorte.
E tamén puxo de manifesto a “alarmante falta de financiamento do Goberno de Pedro Sánchez para a Lei ELA”. “Agora anunciou un fondo de 10 millóns de euros, ou sexa, o 5 por cento do custo da implantación da Lei, para atender aos enfermos máis críticos, algo totalmente insuficiente cando xa hai sete meses que se aprobou a Lei, tempo no que os enfermos e as súas familias pasaron da satisfacción e a esperanza inicial, ao pesimismo e sensación de abandono por parte do Goberno central”.