O Pleno do Parlamento de Galicia pechou definitivamente a Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica coa aprobación do seu ditame, no que se constata que “non hai nin unha soa tacha de legalidade nin no proceso de construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, nin nos procesos de contratación menor da Xunta, nin na contratación de emerxencia efectuada pola Administración Pública autonómica e, particularmente, polo Servizo Galego de Saúde durante a pandemia”, subliñou o deputado popular Roberto Rodríguez.
En concreto, sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro, Roberto Rodríguez explicou que a fórmula de colaboración público-privada utilizada para a súa construción “era a única opción viable naquel momento de gravísima crise económica, ausencia de recursos financeiros e imposibilidade de recorrer á débeda pública”. “A decisión adoptouse, nun primeiro momento, co aval da Intervención Xeral do Estado e o Banco Europeo de Investimentos, e posteriormente a legalidade da concesión foi avalada en 2010 por un informe do Grupo de Traballo de Contabilidade Nacional, integrado polo INE, o Banco de España e a IGAE”, concretou.
MÁIS BARATO E EN MENOR TEMPO
“O Goberno bipartito de BNG e PSdeG xa explorara no seu momento a posibilidade de utilizar unha fórmula público-privada para a construción deste hospital, pero nada deixou feito, nin proxecto nin crédito orzamentario”, dixo o deputado popular, quen engadiu que “executar o Hospital con fondos públicos esixiría que a Xunta renunciase ao seu gasto corrente ou aos demais investimentos previstos”. “Aínda no suposto de ter contado con orzamento suficiente, a construción tería resultado máis cara e tardaría máis tempo, prazo do que a Área Sanitaria non dispoñía, dado o colapso que presentaban daquela as infraestruturas sanitarias de Vigo”, matizou.
Roberto Rodríguez asegurou que na Comisión tamén “se acreditou que non houbo modificación do prazo de duración da concesión nin se reduciu a superficie hospitalaria construída”, do mesmo xeito que “quedou plenamente acreditado que non houbo sobrecuso”.
Respecto da contratación da Administración autonómica, Roberto Rodríguez subliñou que a Comisión “acreditou que a Xunta cumpre escrupulosamente a normativa legal, sometendo os expedientes a todos os controis internos e externos esixibles, tanto por parte da Asesoría Xurídica e a Intervención, como polas posteriores auditorías externas por parte dos organismos competentes”.
“Ademais, acreditouse a ausencia dunha relación causa-efecto entre a identidade dos cargos directivos e a facturación das empresas que prestan servizo á Xunta”, manifestou. Referíndose ao caso concreto da empresa Eulen, o deputado popular dixo que “o Goberno bipartito adxudicoulle unha media anual de 4,67 millóns de euros, mentres que os gobernos posteriores acadaron unha media de 4,72 millóns de euros”.
Sobre os contratos menores, explicou que durante o Goberno bipartito supuxeron o 8,2 por cento do orzamento e nas lexislaturas posteriores foron o 8,6 por cento, “aínda que a comparativa non resulta homoxénea porque en 2023 inclúense os datos de 30 entidades do sector público autonómico, a metade das cales non transparentaban as súas contas co Goberno bipartito”.
NON BUSCARON A VERDADE
Roberto Rodríguez acusou a BNG e PSdeG de “non buscar en ningún momento a verdade, porque non lles interesou nunca atopala”. “Comezaron a Comisión fuxindo da verdade da inexistencia da corrupción allea e a rematan fuxindo de verdade da existencia da corrupción propia: da súa paranoia corrupta no PP ao nacionalismo de amiguetes alá onde goberna o BNG ou onde os nacionalistas apoian ao goberno do PSdeG”, apuntou.
“A oposición fracasou na consecución dos verdadeiros obxectivos cos que chegaron a esta Comisión: o BNG, para apuntalar o liderado da señora Pontón ante unha UPG que, en vésperas da súa Asamblea Nacional, viuse na obriga de recordarlle que os marcos do seu nacionalismo están no comunismo e na independencia; e porque o PSdeG tiña como único obxectivo que esta Comisión axudara a tapar a corrupción que asolagaba ao Goberno de Pedro Sánchez”, sinalou o deputado popular, para concluír que “teñen motivos dabondo para considerar fracasada a Comisión, porque o liderado da señora Pontón sae da Comisión mais feble do que entrou e o Goberno do número un, por imposible que parecera hai dous meses, sae aínda mais afundido na corrupción do que xa estaba”.