Santiago, 24 de setembro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que, unha vez que o Goberno central amosou a súa “boa vontade” levantando o veto á transferencia da AP-9 á Comunidade galega, “existen mecanismos que permiten que o Estado e a Xunta comecen a facer negociacións, que despois podan ter reflexo nas emendas que os grupos parlamentarios no Congreso presenten á proposición de lei remitida polo Parlamento galego”.
Puy explicou que as proposicións de lei remitidas polos parlamentos autonómicos ao Congreso “están abertas a modificacións a través de emendas” dos grupos parlamentarios na Cámara Baixa. Deste xeito, salientou a importancia de que se tramite a proposición de lei, pero, “con independencia do seu contido final, debería existir un acordo de transferencia entre a Xunta e a Administración Xeral do Estado”.
“Todo o que é a valoración económica sobre o traspaso definitivo da AP-9 é froito dunha negociación” entre a Xunta e o Goberno central, polo que o portavoz popular sinalou que “o importante é que se produza esa transferencia por acordo entre as dúas administracións”.
Pedro Puy referiuse “á boa vontade” do Goberno de España levantando o veto á tramitación da proposición de lei, pero “sería bo que se aclarase se se corresponde coa mesma vontade de facer a transferencia”. “Ao final ten que haber unha lei de transferencia, que pode avanzar se hai vontade por parte da Administración Xeral do Estado pedindo a convocatoria das comisións correspondentes que avalíen o custo desa transferencia, que se levarían á citada lei para o traspaso a Galicia da AP-9”.
MEMBROS DAS COMISIÓNS DE INVESTIGACIÓN
O portavoz popular informou que a reunión do Grupo Popular celebrada esta mañá decidíronse os membros que formarán parte das comisións de investigación sobre a sanidade pública e sobre o accidente do Marisquiño en Vigo.
En concreto, Aurelio Núñez Centeno, Marta Rodríguez Arias, Encarna Amigo, Marta Rodríguez-Vispo, José González Vázquez, Antonio Mouriño e Jesús Miguel Prado Patiño serán os representantes do PPdeG na Comisión de Sanidade; mentres que Teresa Egerique, Alberto Pazos, Marían García Míguez, Paula Prado, Cristina Romero, Jaime Castiñeira e Jacobo Moreira formarán parte da Comisión do Marisquiño.
Pedro Puy tamén lembrou que o Grupo Popular defenderá no Pleno do Parlamento que se celebra esta semana dúas proposicións non de lei. A primeira, para que o Ministerio de Fomento, no marco do contrato que Renfe adxudicou a Talgo, dote a Galicia de trens AVRIL de última xeración para a prestación do servizo entre a Comunidade galega (A Coruña, Vigo e Ourense) con Madrid, mellorando tanto os tempos de conexión e facéndoos máis competitivos.
En segundo lugar, demandarase que o Goberno central exclúa a Galicia do anexo da orde que se atopa en tramitación respecto dos suplementos territoriais para 2013 en relación coas peaxes de acceso á enerxía eléctrica, de xeito que os impostos medioambientais non teñan que ser abonados polos consumidores galegos.
FACER RUÍDO CO PAZO DE MEIRÁS
Cuestionado sobre a situación do Pazo de Meirás, Pedro Puy afirmou que “estamos de acordo que se recupere para o patrimonio público”, ao tempo que considerou “absolutamente reprobable o comportamento que os herdeiros están tendo nesta cuestión”. “Nestes momentos, os herdeiros do ditador están tendo un comportamento incomprensible, absolutamente irracional e só pensando no seu patrimonio con independencia doutras cuestións, patrimonio que saben que é cuestionable na súa propiedade e están intentando a través de distintos mecanismos facer ruído para que non se materialice o que pedía o informe encargado pola Xunta: actuacións por parte do Estado en sede xudicial aos efectos de recuperar para o patrimonio público do Pazo de Meirás”, lembrou.
Deste xeito, Puy asegurou que “non temos inconveniente en que o Parlamento se pronuncie no próximo pleno sobre o Pazo de Meirás, porque en Galicia se fixeron os deberes e quen ten que actuar é a Administración do Estado”.