Santiago, 26 de marzo de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “Galicia está saíndo da crise fortalecida e cunha capacidade de resolver as cuestións de desigualdade superior a outras comunidades autónomas”. Esta situación “nos leva a seguir traballando e a perseverar no traballo para conseguir que finalmente superemos esta etapa con maior nivel de igualdade, renda e traballo do que a crise nos deixou”.
Tomando como referencia diversos informes oficiais e de expertos económicos, Pedro Puy asegurou que “nos levan a considerar que as cousas importantes están evolucionando positivamente, fronte a determinadas previsións de afundimento da economía ou de incapacidade de restablecer políticas sociais” que auguraban desde o grupos da oposición.
EN TAXAS HISTÓRICAS
En primeiro lugar, o portavoz popular referiuse aos datos da contabilidade rexional feitos público polo INE a pasada semana, onde se reflexa que o PIB de Galicia medrou o pasado ano o 3,1 por cento. Así mesmo, subliñou que o PIB per cápita situouse en 22.497 euros, o que supón o 90 por cento da media española e a taxa máis elevada da serie histórica. “O crecemento medio nos tres últimos anos foi do 3,62 por cento, o que sitúa a Galicia como a terceira comunidade con mellor rexistro”, apuntou.
Puy referiuse tamén ao informe do Foro Económico de Galicia, no que se indica que “estamos en niveis de riqueza previos á crise económica”. Neste sentido, subliñou que “fronte a aquel crecemento baseado no sector da construción, agora o crecemento é máis equilibrado entre todos os sectores económicos”.
Outro dos datos manexados por Pedro Puy foi a enquisa do custo laboral, na que Galicia é, xunto con Navarra, a comunidade que presentou un incremento anual máis elevado (3,6 por cento), “medrando substancialmente máis que o 0,7 por cento do conxunto de España”.
INCREMENTO EXPORTADOR
O portavoz popular engadiu que o barómetro exportador de Galicia reflexa, por outra parte, un incremento tanto do número de empresas como do valor das exportacións de Galicia por enriba da media nacional, centrado principalmente nos mercados europeos.
O servizo de estudos do BBVA tamén avanzou a pasada semana un crecemento da economía galega do 2,6 por cento neste ano e do 2,3 por cento para 2019. “Entre as ameazas está a situación política que se vive en Cataluña, se ben poñen de manifestou que Galicia é das comunidades autónomas nas que o impacto desta situación afecta en menor medida; e tamén porque os efectos serían compensados pola boa evolución dunhas exportacións galegas centradas fundamentalmente na Unión Europea, onde se está reactivando o consumo”, indicou.
“Todo isto o estamos a facer cunha política fiscal que alixeira a carga ás persoas con menor renda, acompañado doutras novas en materia desigualdade social, como que Galicia está a niveis de Suecia ou Finlandia no que respecta a igualdade de oportunidades educativas pola axuda aos alumnos desfavorecidos; ou figura como unha das comunidades cunha menor porcentaxe de persoas coa dependencia recoñecida pero que non reciben atención”, sinalou