Santiago, 4 de xullo de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe, nunha entrevista na Cadena SER, que no ditame da Comisión de Reactivación económica, social e cultural de Galicia ante a crise da Covid-19 “hai máis acordo entre os grupos parlamentarios do que parece”, e a modo de exemplo salientou que o BNG votou en contra do 20 por cento das propostas. Así mesmo, lamentou que o Goberno central leve meses sen convocar o Consello de Política Fiscal e Financeira “nestas circunstancias nas que se están a repartir fondos entre as comunidades” para loitar contra a pandemia sanitaria.
Pedro Puy cualificou o actual período de sesións “como un dos máis intensos dos últimos anos, coa tramitación de 11 leis, debates profundos sobre a situación económica e social e comparecencias do Goberno galego, un trasfondo de recuperación tras a pandemia e de preparar ao país para o futuro”. Neste sentido, amosou a “responsabilidade de intentar chegar a acordos, sobre todo nunha situación como a actual na que é importante ante o reto de país que temos de cara ao futuro”.
DISTINTOS MODELOS PARA O FUTURO
Cuestionado sobre o ditame da Comisión de Reactivación, Puy recoñeceu que “moitas veces os partidos políticos teñen que salientar as diferencias”, pero amosouse satisfeito porque, “con independencia de que visualmente se queiran ofertar distintos modelos para o futuro, no fondo hai máis acordo entre os grupos parlamentarios do que parece”. En concreto, sinalou que “aprobamos un ditame con 450 propostas e o BNG non se opuxo a 352 delas, votando directamente a favor de máis dun centenar de propostas”.
“No BNG hai un interese en confirmar os seus postulados ideolóxicos de toda a vida a través da pandemia, reivindicando a soberanía ou facendo a meirande parte dos servizos absolutamente públicos”, manifestou o portavoz popular. Respecto do PSdeG, lamentou que “ultimamente todas as súas actuacións van dirixidas a ratificar ou confirmar todo aquilo que fai o Goberno de Pedro Sánchez, sen ningún espírito crítico con algunhas decisións que se adoptan”. “O PSdeG sempre opta por apoiar o que fai o Goberno central, aínda que despois o Goberno central rectifique e quede en evidencia porque no seu momento non optou por defender o que se dicía desde Galicia con argumentos”, sinalou.
PARALIZADO FINANCIAMENTO AUTONÓMICO
Pedro Puy insistiu que “levamos pedindo desde hai tempo que se modifique o sistema de financiamento autonómico”, polo que lamentou que o actual Goberno central “teña paralizado este proceso de debate técnico e discreto no que cada comunidade aporta datos e papeis”.
Neste sentido, insistiu que “defendemos que o financiamento das comunidades autónomas teña en conta o custe diferencial da prestación dos servizos públicos en cada territorio, como o envellecemento da poboación ou a súa dispersión”. Puy lembrou que “sempre defendemos que hai que ir a un concepto de custo efectivo de cada prestación de servizos en cada lugar para definir cales son os fondos que recibe cada comunidade autónoma”.
“Confío que se se volve a abrir o sistema de financiamento autonómico se aborde a través do Consello de Política Fiscal e Financeira, onde están representadas todas as comunidades e o Goberno central, e se faga con argumentos, con números e con análises técnicas”, manifestou. Así, dixo que “quen ten que tomar a iniciativa é o Goberno de España” e apuntou que “todas as cuestións financeiras teñen que ir polo Consello de Política Fiscal e Financeira, que leva sen convocar meses nestas circunstancias nas que se están a repartir fondos entre as comunidades”.
Pedro Puy tamén respondeu a unha pregunta sobre a próxima celebración do Congreso do Partido Popular de Galicia e considerou “difícil que vaia haber cambios, sobre todo tendo en conta que o único candidato que se presenta é Alberto Núñez Feijóo”.