20 de marzo de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou “un despilfarro e moi prexudicial para a reposición dos tráficos por estrada coa Meseta que non se faga por urxencia e simultaneamente a reposición dos dous viadutos do Castro na A-6”.
Neste sentido, lamentou o accidente acontecido esta fin de semana no viario alternativo habilitado polo Goberno central, unha situación “previsible polas poucas garantías de seguridade que ofrece este viario alternativo á autovía”.
Pedro Puy comezou a súa comparecencia lamentando a queima esta noite de 21 vehículos no casco histórico de Tui. “Felizmente non houbo máis que danos materiais, pero o risco de que houbera acontecido algo máis grave foi moi grande”, apuntou.
Respecto da sesión plenaria que se celebra esta semana, o portavoz popular lembrou que comparecerá, a petición propia, a conselleira do Mar para avaliar as decisións da Comisión Europea para restrinxir determinadas artes de pesca, nomeadamente o arrastre. “Desde Galicia debemos puxar, axudar e demandar ao Goberno de España que intensifique a busca de aliados europeos con intereses pesqueiros para frear estas decisións arbitrarias e inxustificadas”, manifestou. Ademais, dixo que estas políticas pesqueiras “non concilian os intereses socioeconómicos coa realidade biolóxica, polo que creemos que se debe actuar para non poñer en perigo o traballo da xente do mar”.
Por outra parte, o Grupo Popular centrará as súas iniciativas no Pleno en dúas cuestións relevantes: as comunicacións coa Meseta por estrada e vía férrea; e a utilización dos fondos europeos para impulsar sectores estratéxicos galegos, neste caso o téxtil.
En concreto, Puy explicou que, a través dunha proposición non de lei, “imos demandar a reparación, o máis urxente posible, do viaduto do Castro na A-6”. Así, e logo da publicación de distintas opinións de expertos na materia, considerou “un despilfarro e prexudicial” para a rápida reposición dos tráficos coa Meseta a decisión de repoñer os viadutos por separado, “cando o Ministerio de Transportes realizou o pasado ano 68 obras polo procedemento de urxencia e neste caso está máis que xustificada a urxencia”.
DOTACIÓN DE TRENS AVRIL
Así mesmo, e relacionado co transporte por ferrocarril, o Grupo Popular preguntará sobre a posta en marcha dos trens AVRIL, de xeito que o AVE que chega a Ourense se estenda a todas as cidades galegas que contan con infraestrutura para a alta velocidade. “Cremos que, con independencia de que poida haber algún problema de homologación que retrase a posta en marcha destes trens, falta información sobre o procedemento, canto tempo vai durar e cantos deses vehículos van estar a disposición dos tráficos entre Galicia e Madrid”, indicou.
Un segundo aspecto no que incidirá o Grupo Popular neste Pleno está relacionado cos plans económicos a desenvolver con cargo aos PERTE. Así, pídese a posta en marcha dun PERTE para o sector téxtil, unha iniciativa “sobradamente traballada e explicada e que, polas súas características, encaixa no financiamento comunitario”. “Sería lamentable que non fora unha realidade este proxecto por deficiencias na tramitación por parte do Goberno de España ou por falta de vontade política”, apuntou.
Neste sentido, Pedro Puy engadiu que o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego pola información de que dispón sobre o proxecto da fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei. “Un proxecto relevante e cun socio investidor que, lonxe de poder beneficiarse dun PERTE específico para este sector, o único que fixo o Goberno central foi ofrecer participar no PERTE de economía circular, cunha reserva de 100 millóns de euros, unha cifra moi escasa tendo en conta que estamos a falar de orzamentos que roldarán os 12 millóns de euros”, explicou.
Por outra parte, e cuestionado sobre os proxectos de eólica mariña, Pedro Puy manifestou que “Galicia ten unha gran oportunidade” neste ámbito, tanto para a xeración de enerxía como de emprego vencellando á construción e ao mantemento destas infraestruturas. Porén, lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “ten decretado, sen consultar á Comunidade galega nin ao sector afectado, a localización dos polígonos de eólica mariña, ofrecendo compensacións económicas sen saber a cambio de que”.
“Todo isto nos leva a pensar que hai un exceso de soberbia por parte do Goberno central, que pode xerar unha reacción contraria ao obxectivo de posta en marcha de enerxías limpas que sexan compatibles cos usos tradicionais dos recursos mariños”, indicou o portavoz popular, quen lamentou que “o PSdeG o único que fai é defender ao Goberno de España.