20 de febreiro de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe a “vaguidade” de BNG e PSdeG respecto da súa posición sobre o desenvolvemento do sector eólico, “unha vaguidade ‘o si pero non así’ que se converte nun non na medida en que nunca se sabe onde se pode implantar un parque eólico para que a oposición non proteste”. Así mesmo, volveu insistir na mellora da distribución dos fondos europeos a través da cogobernanza e a colaboración do Goberno central coas comunidades autónomas.
Pedro Puy lembrou que o Pleno ordinario desta semana do Parlamento galego inclúe a comparecencia, a petición propia, do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación para informar sobre a situación e perspectivas de desenvolvemento do sector eólico en Galicia, “un novo exercicio de transparencia do Goberno galego respecto das circunstancias que acompañan o despregue deste sector”.
COMPROMISOS COA UNIÓN EUROPEA
“Estamos a falar dunha política que trata de cumprir cos compromisos que ten Galicia e España coa Unión Europea no ámbito das enerxías renovables, ao tempo que se mantén un equilibrio co patrimonio cultural, o medio ambiente e as actividades económicas que se desenvolven sobre o territorio afectado polos parques eólicos”, manifestou o portavoz popular.
Así mesmo, afirmou que “a Xunta está a traballar de acordo co que din os funcionarios e os letrados da Administración galega, tendo sempre en conta a legalidade e o aval dos servizos xurídicos”.
Respecto da oposición, Puy apuntou que “sería bo que fixasen algunha posición máis concreta que esa vaguidade de dicir que queren eólicos pero non así”. “Unha vaguidade que se converte nun non na medida en que nunca se sabe onde se pode implantar un parque eólico para que a oposición non proteste”.
Respecto das iniciativas que o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria, Pedro Puy lembrou que a través dunha proposición non de lei se pide elaborar este ano un Plan galego fronte ás condutas aditivas, que faga unha labor de prevención, ademais de atender ás persoas afectadas. Unha segunda proposición non de lei ten como obxectivo que a Xunta continúe coa aplicación de medidas para a recolección, produción e xestión da mexilla, fomentando o diálogo entre percebeiros e mexilloeiros para que desenvolvan de xeito coordinado e en igualdade de condicións o seu traballo, asegurando o entendemento entre as súas partes en beneficio mutuo.
COGOBERNANZA DOS FONDOS EUROPEOS
Por último, Pedro Puy informou que o Grupo Popular preguntará no Pleno ao Goberno galego sobre a xestión dos fondos da Unión Europea, “unha excelente oportunidade para avanzar e reforzar esa resiliencia e modernización do noso tecido produtivo, co maior respecto polo medio ambiente”. “É unha oportunidade histórica e España ten que estar á altura das decisións que se adoptaron en Europa”, indicou.
Porén, manifestou que “compartimos a preocupación dos analistas económicos pola execución destes fondos europeos, que vai máis alá de fallos no deseño da distribución porque entendemos que hai unha excesiva centralización”. O portavoz popular volveu demandar a “cogobernanza” do Goberno central coas comunidades autónomas “para que haxa máis transparencia”. Neste momento, dos 41.000 millóns de euros recollidos nos PERTE, apenas se teñen convocado 12.300 millóns, e destes só están adxudicados arredor de 5.000 millóns.