Santiago, 6 de marzo de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe na Deputación Permanente “o epílogo do que foi a oposición nesta lexislatura con insinuacións e difamacións sen unha soa proba, que forman parte dunha campaña sucia contra o PPdeG”
“Nós imos seguir facendo unha campaña en positivo, defendendo a Galicia e aos galegos, e con novos proxectos e programas para a vindeira lexislatura e a vindeira década”, sinalou.
Pedro Puy manifestou que “a oposición se retrata” ao solicitar unha Deputación Permanente do Parlamento galego para abordar asuntos como a relación da Xunta con Pemex, ás axudas a emigrantes da Embaixada de Venezuela ou a asistencia sanitaria a un traballador no porto exterior de Langosteira. “Non teñen un só argumento e os que utiliza son falsos, e o único que expresan é a súa debilidade electoral”, apuntou.
ACTUACIÓN DO TRIBUNAL DE CONTAS
Respecto das axudas distribuídas pola Embaixada de Venezuela, a través da Fundación Pública España Saúde, o portavoz popular explicou que “de momento o que hai é unha actuación do Tribunal de Contas, que non é pública, non polo destino destes cartos, senón porque entende que a entrega destas axudas debería terse feito desde a embaixada e non desde unha fundación pública”.
“Resulta sorprendente que este asunto sexa publicado coincidindo con outras cuestións, como a estancia en España da vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez ou o anuncio do Ministerio do fin das axudas asistenciais aos emigrantes retornados, un feito que foi denunciado polo secretario xeral de Emigración da Xunta e o propio Consello de Residentes Españois de Bos Aires”, indicou Pedro Puy.
O portavoz popular manifestou que a oposición “está buscando con Pemex o que non hai”. Así, afirmou que o acordo da Xunta coa petroleira mexicana foi na época de Felipe Calderón como presidente deste país, con Juan José Suárez Coppel como director xeral desta empresa, que posteriormente foi ratificado polo presidente Enrique Peña Nieto e Emilio Lozoya, respectivamente.
Ademais, engadiu que a investigación aberta pola Fiscalía mexicana sobre Emilio Lozoya “non ten nada que ver co estaleiro galego Barreras, senón polo fraude da construtora brasileira Odebrecht e a compra dunha fábrica de fertilizantes en México, un escándalo no que tamén están implicados o expresidente brasileño Lula da Silva, o expresidente de Ecuador Rafael Correa ou o presidente de Venezuela Nicolás Maduro”.
“O feito real é que Pemex salvou no seu momento a Barreras e supuxo un impulso para o sector naval galego”, lembrou o portavoz popular, quen lamentou que “os plans de investimento da petroleira decaeran e non se puideran levar adiante pola crise que sufriron estas empresas”.
UTILIZACIÓN POLÍTICA DA SANIDADE POLA OPOSICIÓN
Por último, Puy criticou que a oposición siga utilizando a sanidade para intentar desgastar ao Goberno galego e lembrou que “xa falaron de privatización, cando a verdade é que se reduciron os concertos sanitarios; dixeron que se ía cobrar polas consultas na sanidade pública; que se pagaba aos médicos por dar altas laborais; que se cobraba aos acompañantes por durmir no Hospital Público Álvaro Cunqueiro; que se ían pechar os hospitais comarcais, que hoxe prestan máis servizos que nunca; e que se reduciran as prazas do persoal sanitario, cando hai mais persoal que nunca na sanidade pública”.
Respecto dos servizos prestados polo 061, o portavoz popular salientou que a oposición “se centre nun traslado no que faleceu un traballador do porto de Langosteira, a cuxa familia trasladamos o noso pésame, cando só no mes de febreiro se teñen realizado 24.882 transportes sanitarios urxentes e, máis en concreto, no concello de Arteixo se fixeron 3.351 servizos en ambulancia ao longo de 2019”.