Santiago, 1 de novembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que o proxecto de orzamentos do Estado para 2021 “é inverosímil, irreal e configurado para satisfacer a coalición que soporta o actual Goberno central”. Respecto da Comisión de Reactivación creada no Parlamento galego, manifestou que “o importante é que sexamos capaces de recibir e aunar todos aqueles esforzos e propostas políticas que permitan, sector por sector, que a crise social e económica que estamos a padecer pase rápido e remate ben”.
Nunha entrevista na SER-Galicia, Puy concretou respecto dos orzamentos do Estado para 2021 que “non se pode crer que o vindeiro ano se vaia a recadar máis por impostos, porque a actividade económica vai ben, que no ano 2019, cando non tiñamos pandemia”. Ademais, apuntou respecto dos gastos que “hai algunhas previsións que se van quedar curtas, tanto o que pode ser o desemprego como o financiamento dos ERTEs, precisamente porque a pandemia vai durar”.
“Ninguén prevé que a economía española vaia a medrar neste momento en que aínda estamos en pandemia preto do 10 por cento como di o Goberno, cando os organismos internacionais falan do 5 por cento”, indicou Pedro Puy, polo que afirmou que o proxecto de orzamentos do Estado é “irreal e configurado para satisfacer a coalición que soporta ao actual Goberno, ademais de que Galicia non sae moi ben parada”
Preguntado polo teito de gasto aprobado polo Goberno galego para o vindeiro ano 2021, o portavoz popular explicou que “incorpora a previsión das entregas a conta do Goberno de España máis a marxe de endebedamento, tanto a que asume o Goberno central como a comunidade autónoma”. Neste sentido, salientou que se trata dun “incremento importante” respecto a 2020, porque “imos pasar por unha etapa dura e hai que recuperar a economía cun esforzo de gasto público que se materializará cando coñezamos os orzamentos e a Xunta os presente no Parlamento”.
AUNAR ESFORZOS
Pedro Puy sinalou que a Comisión de Reactivación social, económica e cultural de Galicia creada no Parlamento galego “ten un obxectivo máis amplo que determinar unhas partidas de gasto”. En concreto, lembrou que “moitas das cousas que se poden incluír nos orzamentos, tanto nos de Galicia como de España, aínda están pendentes de determinar, como é o caso do financiamento europeo e cales son os proxectos que Europa vai financiar o ano que ven”. “Todo iso poderá irse amoldando ao longo do exercicio orzamentario e o importante é que o Parlamento sexa capaz de recibir e aunar todos aqueles esforzos e todos aquelas propostas de políticas que permitan, sector por sector, que a crise social e económica que estamos a padecer pase rápido e remate ben”.
O portavoz popular considerou “un reto enorme para toda a sociedade na actual lexislatura superar a crise sanitaria e intentar saír máis reforzados para ser máis innovadores e competitivos no futuro”. Así, sinalou que nesta ocasión, a diferencia de crises anteriores, “hai unha reacción europea exemplar, cunha capacidade de financiar tanto a economía española, a través do Banco Central Europeo, como directamente o gasto público, a través dos fondos europeos que se van abrir”.
Ademais, engadiu que a redución dos grupos parlamentarios na Cámara galega “facilita o traballo”, pero incidiu en que “vai ser unha lexislatura complicada e complexa” porque “o difícil é o que temos por diante mentres non haxa unha vacina e desapareza a certeza de cando nos vai atacar o virus”
Respecto das medidas adoptadas pola Xunta para evitar a expansión da Covid-19, Pedro Puy manifestou que “hai que adaptar as decisións á situación real da pandemia sobre cada territorio”. “En Galicia hai distintas situacións, como a dispersión da poboación do rural ou a concentración nas cidades, que aconsellan tomar as medidas adecuadas en cada momento”, dixo, para engadir que “o Comité Clínico recomendou poñer un certo límite á mobilidade das persoas, máis que nada para protexer ao conxunto do país da expansión do virus”.
COLABORACIÓN LEAL DA XUNTA
O portavoz popular afirmou que “a Xunta está colaborando moi lealmente co Goberno central”. “Non recordo ter oído moitas críticas e si moitas propostas, como reformar a Lei de saúde do ano 1986 para poder evitar ter que volver ao estado de alarma, que foron ben aceptadas pero non foron materializadas”, indicou.
Incidiu que “a Xunta nunca cuestionou ningunha das decisións que se adoptaron por parte da autoridade centralizada durante o estado de alarma e nunca se fixeron cousas que se podan considerar desleais coa política que marcou o Goberno de España ao respecto”. “Máis ben ao contrario, o que se fixo foi participar en todos os órganos e facer propostas, algunhas das cales pareceron unha queixa e despois foron asumidas”, lembrou.
“Cando se fai unha proposta en positivo non quere dicir que se estea criticando”, explicou, para anotar que “todos debemos de aprender da experiencia allea para mellorar unha xestión que vai durar tempo, vai esixir moita paciencia e responsabilidade e, se non aprendemos a convivir con ela, vai ser moito máis grande, tanto en termos sanitarios como sociais e económicos”.
Puy lamentou que “moitas veces as medidas que se propoñen se critican por quen as formula e non polo contido da medida, e iso deberíamos de evitalo”. “O certo é que a propia pandemia é cambiante e os propios científicos están facendo un esforzo inxente para saber como funciona o virus e como podemos combatelo da mellor maneira”, polo que recoñeceu que “a propia situación esixe constantes adaptacións e tamén iso pode levar a confusión nalgúns casos”. “Todos debemos poñer o mellor de nós mesmos coa responsabilidade de respectar os datos e os feitos, e procurar que esta pandemia, ademais dos efectos sanitarios que está a ter, non nos leve como sociedade por diante”, sinalou.