Santiago, 21 de xaneiro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou hoxe os orzamentos do Estado de “pouco cribles, polo que non nos fan ser especialmente optimistas”. Así mesmo, indicou que “non son bos para Galicia”, ao tempo que poñen de manifesto “o que tenta facer o actual Goberno do Estado: suben en Cataluña e nas comunidades gobernadas polo PSOE, fronte ás caídas xeneralizadas nas comunidades do PP”.
Puy explicou que os orzamentos do Estado fan “unha previsión de recadación que non ten nada que ver coas dúas baixadas de previsión de crecemento da economía española”. Ademais, sinalou que recollen “unha suba dos impostos do IRPF, patrimonio, sociedades, diésel e cotizacións á Seguridade social, ao tempo que se crean dous novos impostos de transaccións financeiras e servizos dixitais, que van reducir a competitividade e son facilmente repercutibles á cidadanía”.
PENALIZAN ÁS CLASES MEDIAS E AUTÓNOMOS
Neste sentido, afirmou que “está previsto un ingreso inferior a través dos impostos do IRPF e do patrimonio que da suba do imposto ao diésel: 667 fronte a 670 millóns de euros”, o que se traduce que o imposto sobre o diésel “penaliza fundamentalmente ás clases medias e autónomos”.
“É difícil que se cumpran estes orzamentos”, indicou Pedro Puy, quen engadiu que “poden levarnos de novo a un déficit superior ao que se recolle na senda do déficit ou incluso superior ao que o propio Goberno pretendía que se autorizase nas Cortes Xerais”.
O portavoz popular sinalou, ademais, que moitas das medidas previstas nos orzamentos aprobados polo anterior Goberno do PP “están sendo apropiadas polo actual Goberno socialista”, como a recuperación do poder adquisitivo dos funcionarios ou a suba das pensións.
Respecto a distribución territorial, Puy apuntou o feito de que “os orzamentos non ocultan o que tenta facer o goberno: suben en Cataluña e as gobernadas polo PSOE, fronte ás caídas das gobernadas polo PP, como A Rioxa, Galicia ou Madrid”.
XUSTIFICAR UN 6% CON ARGUMENTOS FACILMENTE DESBOTABLES
Así mesmo, lembrou que a oposición en Galicia “criticou vehementemente os orzamentos do anterior Goberno do PP que destinaban máis do 11 por cento para a Comunidade galega, moi por enriba do que pedían na reforma do Estatuto”. “Agora xustifican un 6 por cento con argumentos facilmente desbotables”, dixo
En concreto, Puy criticou que os socialistas utilicen argumentos para defender os orzamentos do Estado como que “o AVE xa está feito, cando levan anos dicindo que non se estaba executando as obras en Galicia”; pero tamén deixan fóra investimentos programados en obras relacionadas coa AP-9, a supresión da peaxe en Redondela, as autovías Vigo-Porriño e Lugo-Ourense, así como minimizar os investimentos na construción da autovía Santiago-Lugo; ou a non inclusión de obra hidráulica nova, salvo o pago de actuacións xa executadas ou o único investimento de 65.000 euros para a nova EDAR de Santiago.
SENSACIÓN POSITIVA NA CONVENCIÓN DO PP
Pedro Puy tamén fixo un balance da convención celebrada esta fin de semana polo Partido Popular en Madrid, da que “viñemos cunha sensación moi positiva”. “O PP sae reforzado e se ten reafirmado, tanto polos discursos como polas conversas mantidas, en que é o gran partido liberal-conservador e reformista de España, é dicir, a casa común do centro dereita democrática de España”.
“Estamos convencidos de que o PP saíu desta convención máis forte e nunha mellor situación para presentarse ante a sociedade nas novas convocatorias electorais, cun novo ideario do que nos sentímonos especialmente satisfeitos porque esa vocación de representar a defensa da Constitución e ser o partido de referencia dos liberais-conservadores e reformistas de España é a que leva defendendo o PP desde hai tempo”, manifestou.