Santiago, 9 de xaneiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, reiterou hoxe “a disposición do PPdeG para chegar a acordos coa oposición”, á que demandou “vontade” para acadar consensos a curto prazo sobre cuestións como os investimentos do Estado na mellora das infraestruturas ferroviarias en Galicia ou no novo modelo de financiamento autonómico. No balance destes primeiros meses da X lexislatura, Puy salientou que “máis do 82 por cento dos puntos debatidos en Pleno foron a iniciativa da oposición”, o que pon de manifesto a súa capacidade de control e impulso ao Goberno galego.
Acompañado dos viceportavoces do Grupo Popular Miguel Tellado e Paula Prado, Pedro Puy sinalou que o Parlamento galego centrarase a curto prazo principalmente na aprobación dos orzamentos da Xunta para 2017 “que, por segundo ano consecutivo, se trata dunhas contas expansivas e deseñadas para trasladar a toda a sociedade galega os primeiros beneficios da recuperación económica”.
CERTIDUME DOS ORZAMENTOS
Neste sentido, apuntou que o Grupo Popular está a estudar todas as emendas presentadas polos grupos da oposición aos orzamentos, aínda que manifestou, respecto das de devolución do proxecto que se debaterán o vindeiro luns, que “paralizar a tramitación dos orzamentos sería algo fondamente negativo para o país”. “A certidume que da ter unhas contas aprobadas permite á sociedade desenvolver as súas actividades con maior claridade”, indicou.
Puy lembrou que “o acordo sempre é posible cando hai vontade” por todas partes e “nós temos amosado que estamos abertos a chegar a acordos”. Así, lembrou que a curto prazo “veñen algunhas cuestións no ámbito estatal nas que é bo para o país que exista o maior acordo: os investimentos para o impulso das infraestruturas ferroviarias en Galicia e o debate do novo financiamento autonómico na próxima Conferencia de Presidentes”. “Sería bo que cantos máis grupos apoiaran ao Goberno da Xunta neste contexto de incertidume, máis fácil sería conseguir que o financiamento autonómico fora satisfactorio para Galicia”, dixo.
Respecto das críticas da oposición á Lei de medidas fiscais e administrativas, o portavoz popular lembrou que “é unha norma perfectamente legal á que os grupos da oposición poden presentar emendas”, aínda que recoñeceu que “non é a mellor técnica lexislativa”. “Iso non quere dicir que sexa un instrumento útil para aquelas medidas que requiren certa celeridade e eficacia”, e que tamén se está a utilizar noutras comunidades gobernadas polo PSOE, Podemos ou os nacionalistas.
ACTIVIDADE PARLAMENTARIA
Pedro Puy fixo un repaso pola actividade parlamentaria desenvolvida nos últimos dous meses e concretou que se levan celebrado 6 sesións plenarias e 52 sesións de comisións, das que 25 corresponden á Comisión 3ª pola tramitación dos orzamentos.
As sesións plenarias contaron cunha media de 25 puntos na orde do día, dos que máis do 82 por cento corresponderon aos grupos da oposición Así mesmo, lévanse aprobadas 10 proposicións non de lei, das que o 40 por cento foron a iniciativa da oposición (3 de En Marea e 1 do BNG).
No que respecta ás comisións parlamentarias, o Goberno ten comparecido en 26 ocasións (das que 24 corresponden á tramitación dos orzamentos na Comisións 3ª, incluíndo a todos os conselleiros), ao tempo que ten respondido 32 preguntas dos grupos parlamentarios.
Tamén se teñen aprobado 7 proposicións non de lei en Comisión, das que 4 foron dos grupos da oposición (1 En Marea, 2 PSOE e 1 BNG). Destas 7 proposicións non de lei aprobadas, tres saíron adiante por unanimidade dos grupos parlamentarios
VALORACIÓN INFLUÍNTE
Para rematar, Puy referiuse á presenza do Grupo Popular nas redes sociais. Así, publicáronse desde outubro 386 tuits, cunha media de 128 informacións mensuais en twitter e 289 publicacións en Facebook. Estas publicacións foron vistas en 564.647 ocasións.
Pedro Puy salientou que a valoración do Grupo Popular no índice de influencia KLOUT pasou de 33 puntos en xaneiro do 2015 a 61 puntos en decembro do 2016, polo que está considerado como influínte.