Santiago, 12 de xullo de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, reiterou hoxe que “mantemos a nosa máxima predisposición ao diálogo” cos grupos da oposición na elaboración do ditame da Comisión de estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia, que mañá se aprobará no Pleno do Parlamento galego. Así mesmo, avogou porque o novo Goberno central “permita mellorar a interlocución e o diálogo con Galicia para poder avanzar na axenda de asuntos pendentes co Estado”.
?Fala Pedro Puy do Pleno que comeza mañá no @Par_Gal, último deste período de sesións, que amosa a normalidade no funcionamento das institucións e que aprobará 3 novos textos lexislativos con unamidade nos referidos a igualdade e a loita contra a violencia de xénero @ppdegalicia pic.twitter.com/WzeaVpJW3B
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) July 12, 2021
Pedro Puy referiuse ao “intenso” Pleno que o Parlamento galego celebrará esta semana, que da mostra da “normalidade no funcionamento desta Cámara en todos os seus ámbitos”. Así, nesta sesión procederase á aprobación de tres novos textos lexislativos (o proxecto de lei de creación da Universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa; e das proposicións de lei que recoñecen a violencia vicaria como violencia de xénero e para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación.
Neste sentido, Puy salientou que, coa aprobación destes tres novos textos lexislativos, serán 14 as novas leis aprobadas neste primeiro ano de lexislatura: 9 proxectos de lei remitidos polo Goberno galego e 5 proposicións de lei dos grupos parlamentarios.
?️Cumpríndose un ano desde a celebración das eleccións autonómicas que deron ao @ppdegalicia a maioría de goberno, xa son 14 os textos lexislativos que se aprobaron no @Par_Gal, relata Pedro Puy e destaca tamén a importante proposta lexislativa feita polos grupos parlamentarios pic.twitter.com/sBa7DBsIhs
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) July 12, 2021
CONSELLO DE CONTAS, CRTVG E VALEDORA DO POBO
A sesión plenaria incluirá, ademais, a aprobación das propostas de resolución sobre os informes de fiscalización do sector público de Galicia do Consello de Contas respecto de 2019; a elección dos seis membros do Consello de Administración da Corporación de Radio e Televisión de Galicia; e a comparecencia da Valedora do Pobo para informar do seu informe correspondente a 2020.
Unha das cuestións sobre a que o portavoz popular fixo máis fincapé foi a aprobación do ditame da Comisión de Estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia ante a crise da Covid-19. “Abordamos e seguimos abordando no día de hoxe a cuestión coa máxima predisposición ao diálogo”, insistiu Pedro Puy, quen apuntou que “me gustaría que as propostas que se fan desde as comunidades autónomas, que descoñecen a estas alturas como se van repartir os fondos europeos, ou mesmo desde o partido da oposición en España se tiveran en conta e se dialogasen tanto como se ten feito aquí coa oposición”.
No ámbito das proposicións non de lei que o Grupo Popular leva ao Pleno desta semana, Puy insistiu que, “mentres persista a inacción do Goberno central ante os estaleiros de Navantia na ría de Ferrol e as consecuencias da decisión de non contratar un buque de acción marítima, seguiremos demandando carga de traballo para estes estaleiros e a industria auxiliar ata o inicio da construción das fragatas F-110”.
RECURSO LEI DE SAÚDE
Pedro Puy apuntou que na sesión plenaria “tamén falaremos da suspensión da Lei de saúde de Galicia polo recurso presentado ante o Tribunal Constitucional por parte do Goberno central”. “Este feito chama a atención cando nas Illas Baleares está vixente un artigo basicamente idéntico ao suspendido en Galicia fronte ao que o Goberno de España non ten presentado recurso algún”, manifestou.
“Máis alá do contido do recurso e o que implica no medio da pandemia limitar a capacidade de acción das comunidades autónomas, que carecen dun marco estatal consistente para actuar contra a pandemia, chama a atención que un mesmo artigo nunha comunidade autónoma sexa suspendido e na outra parece que está en vigor sen que pase nada”, explicou.
Respecto do cambio de titulares nos distintos ministerios do Goberno de España, Puy indicou que “este exercicio de autoridade presidencial, decidindo a composición dunha parte do Goberno porque na outra non ten capacidade libre de actuar, agardamos que facilite a colaboración e coordinación coas comunidades autónomas”.
?Esperemos que a remodelación do Goberno central permita mellorar a interlocución, seguimos confiando en que se restrablezca a cooperación e a lealdade institucional que permita avanzar en cuestións de axenda pendentes de Galicia co Goberno, sinala Pedro Puy @ppdegalicia pic.twitter.com/n5iEqP9CD1
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) July 12, 2021
MOITAS COUSAS PENDENTES
?️Desexosos que os cambios no Goberno central impliquen un xiro cara a colaboración coas CCAA e nomeadamente con Galicia e nas moitas cuestións pendentes como os orzamentos do Estado,os do 2021 foron os peores para Galicia,reparto dos Fondos Europeos ou a débeda de 200M€ do IVE pic.twitter.com/tLedQqpEZZ
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) July 12, 2021
En concreto, lembrou que “en Galicia temos moitas cousas pendentes”, como o incremento dos investimentos en Galicia; o pago dos 200 millóns de euros que debe pola mensualidade do IVE de 2017; o reparto dos fondos europeos; o atraso inxustificado nas bonificacións das peaxes e na transferencia da AP-9 a Galicia; o abandono das grandes infraestruturas de comunicación, tanto no que atinxe á posta en marcha do AVE a Galicia como as autovías A-56 Lugo-Ourense, a A-54 Lugo-Santiago, a A-76 Ourense-Ponferrada e a A-57; unha transición enerxética xusta; a modificación da Lei de cambio climático e a súa afección ao sector mar-industria; ou a nova Lei contra a fraude fiscal, que afecta ao Dereito Civil galego”
“En definitiva, que o novo Goberno de España permita mellorar a interlocución e o diálogo cunha autonomía como Galicia que sempre mirou pola colaboración e non polo enfrontamento e a ilegalidade, que non é boa para o conxunto do país”, rematou.