Santiago, 13 de outubro de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe no Debate sobre o Estado da Autonomía que “nos sentimos orgullosos dunha Galicia que, ao igual que noutros difíciles momentos da súa historia, soubo estar á altura das circunstancias” nesta pandemia sanitaria, e amosou “o noso compromiso de continuar traballando co Goberno galego para superar os efectos de pandemia o máis pronto posible, con unidade, con diálogo e con lealdade ao país”. “A nosa autonomía, co Presidente Feijóo á fronte, deu unha lección ao resto de España e ao mundo de traballo serio, coordinado, racional e responsable”, salientou.
Máis en concreto, Pedro Puy sinalou que “nos sentimos orgullosos da Galicia que superou a pandemia grazas ao traballo inconmensurable do persoal sanitario e dunha poboación que fixo oídos xordos ás múltiples voces que poñían en dúbida, desde o negacionismo máis absurdo, a conveniencia de proceder á vacinación masiva da sociedade”.
“Tamén nos sentimos orgullosos da Galicia que mantivo abertos os centros educativos; da que atendeu nos hospitais, nas residencias ou nas súas casas aos nosos maiores; e da que, pese a todas as dificultades, mantivo o pulso produtivo, e tamén dos empresarios e traballadores dos sectores máis afectados que, como os da hostalería, o ocio ou a cultura, sempre colaboraron coas autoridades para primar a seguridade dos seus clientes e agora pelexan por recuperar a súa actividade”, apuntou.
BÁLSAMO DE FIERABRÁS
Porén, o portavoz popular dubidou de que “os grupos da oposición estivesen á altura das circunstancias” nestes meses de pandemia. “O PSdeG sempre antepón os intereses partidarios e a defensa das actuacións do Goberno central fronte a calquera dato que evidencie que prexudica ou discrimina a Galicia; e o BNG sempre antepón a súa ideoloxía nacionalista aos datos e ás evidencias, de xeito que o soberanismo e a intervención pública se presentan como o bálsamo de Fierabrás que todo o cura, sexa o prezo da luz ou o financiamento autonómico”.
“Ao final, por moito que parezan discrepar entre si BNG e PSdeG, a cousa remata igual: o inimigo é o Partido Popular e sempre que poden gobernan xuntos ou con apoio recíproco, sexa nun concello, na Xunta ou no Goberno de España”, indicou.
Puy manifestou que “a superación sanitaria da pandemia causada polo Covid-19 é o requisito imprescindible para recuperar a normalidade social e a actividade económica”. Neste sentido, criticou que a oposición “leve anos negando a mellora da sanidade pública galega, profetizando a súa desaparición e denunciando o seu desmantelamento”, cando nesta pandemia sanitaria “a atención primaria puido facerse cargo do seguimento de máis de 100.000 pacientes que superaron o Covid-19 no seu domicilio; eses hospitais que levan anos dicindo que non funcionan axeitadamente foron quen de resistir picos de máis de 250 pacientes Covid-19 en unidades de críticos e máis de 1.200 en hospitalización; e se culminou un proceso de vacinación masiva que tivo un altísimo grao de satisfacción entre as persoas usuarias, tanto coa organización como pola axilidade e o trato recibido”.
“É importante para Galicia que esta pandemia non signifique tempo perdido nos avances e nas reformas que necesita a sanidade pública galega, especialmente no ámbito da atención primaria, polo que valoramos os avances acadados ao mesmo tempo que se combate o Covid-19 con mellores resultados que noutras comunidades autónomas”, sinalou.
RÁPIDA ACTUACIÓN DA XUNTA
Respecto da situación económica, Pedro Puy lembrou que “España foi un dos países de Europa máis afectados pola pandemia e, como consecuencia, pola paralización da actividade”. Así, dixo que o PIB español caeu un 10,8 por cento en 2020, fronte a un descenso do 8,9 por cento en Galicia que, con restricións menos intensas, aguantou mellor.
“Podemos atribuír parte deste mellor comportamento á actuación do sector público autonómico e a algunhas decisións que se adoptaron”, asegurou. En primeiro lugar, referiuse “á rápida mobilización de fondos propios para axudar aos sectores máis afectados e aos autónomos”, ao que se sumou que a Xunta sexa a administración autonómica que antes paga aos seus proveedores, así como as baixadas de impostos, que contribuíron á liquidez de empresas e das familias.
Sobre os fondos europeos Next Generation, Pedro Puy avogou por aproveitalos “para a transformación do noso sistema produtivo, impulsando proxectos que xeren emprego transformando e engadíndolle valor aos nosos recursos”.