Santiago, 19 de outubro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, amosou hoxe a súa satisfacción pola aprobación por unanimidade das normas de funcionamento da Comisión especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19.
Así mesmo, concretouse que esta comisión terá por obxecto estudar, analizar e realizar propostas de actuación política, en base á experiencia da xestión dos últimos meses, dirixidas á reactivación económica, social e cultural de Galicia ante a crise orixinada pola pandemia da Covid-19 coa finalidade de protexer á cidadanía fronte á crise e promover o progreso de Galicia.
?️Unanimidade na Comisión de Reactivación do @Par_Gal creada co obxectivo de analizar e realizar propostas de actuación política en base a experiencia e dirixidas a reativación económica, social e cultural de Galicia coa finalidade de protexer e promover o progreso da CCAA pic.twitter.com/GJOPKfY7dm
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) October 19, 2020
A Comisión de Estudo para a reactivación de Galicia volverá a reunirse o vindeiro martes 27 de outubro para aprobar o seu plan de traballo. Os grupos dispoñen de prazo ata o vindeiro luns, ás 13.30 horas, para presentar as súas propostas. “Confiamos que poidamos seguir traballando con este grao de acordo amosado hoxe”, sinalou Pedro Puy.
“É a segunda vez no que levamos de lexislatura que os tres grupos parlamentarios aprobamos por unanimidade”, logo da aprobación da modificación do regulamento do Parlamento para permitir o voto telemático ou delegación do voto aos deputados afectados polo coronavirus. Neste sentido, avanzou que esta prerrogativa será utilizada xa neste Pleno por dúas deputadas do Grupo Popular.
COMPARECENCIAS E PROPOSTAS DO GRUPO POPULAR
Así mesmo, o portavoz popular lembrou que o Pleno desta semana contará coa comparecencia dos conselleiros de Facenda e Administración Pública; e de Política Social.
No apartado das proposicións non de lei, o Grupo Popular defenderá a necesidade de que o Goberno de España que acometa, canto antes, os cambios normativos necesarios na lexislación orgánica en materia de saúde pública para poder actuar ante a pandemia da COVID-19 con plenas garantías e seguridade xurídica; así como a solicitude para que o Goberno central restableza todos os servizos de tren que foron suprimidos amparándose na pandemia provocada pola COVID-19 e incremente o cadro de persoal necesario aos servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios.
Por último, os deputados do Grupo Popular preguntarán ao Goberno galego sobre a ruptura das negociacións para a venta das plantas de Alcoa na Mariña lucense; sobre o funcionamento, actividade e resultado das medidas de prevención da COVID-19 implantadas a través da creación do Rexistro de Viaxeiros; e sobre as medidas concretas adoptou a Xunta de Galicia para axudar aos traballadores afectados por un ERTE.