Santiago, 27 de febreiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que desde o inicio da lexislatura, hai pouco máis de 125 días, se teñen debatido no Parlamento galego máis de 420 cuestións, tanto en Pleno como en comisións. En concreto, 228 destes debates foron de control e 185 de impulso ao Goberno galego, dos que máis do 70 por cento foron a iniciativa dos grupos da oposición.
Puy fixo unha especial referencia á aprobación dos orzamentos da Xunta para 2017 e a Lei de medidas que os acompaña, o que “da conta da importancia que tivo a estabilidade política no Parlamento, que permitiu non só dar continuidade aos equipos que elaboraron as contas públicas senón tamén garantir a súa aprobación para establecer certidume e posibilidades de actuación á Xunta”.
A continuación, lembrou que o Pleno leva celebrado 8 sesións nas que se debateron un total de 170 cuestións, das que o 75 por cento foron a iniciativa da oposición (135). Ademais, tratáronse 65 iniciativas de impulso e 98 iniciativas de control ao Goberno. Neste punto, Puy destacou que “das 20 proposicións non de lei aprobadas, 8 eran dos grupos da oposición (40%), ao tempo que 5 foron aprobadas por unanimidade de todos os grupos”.
ACTIVIDADE EN COMISIÓN
No que respecta ás comisións parlamentarias, Pedro Puy dixo que se teñen debatido 251 cuestións, das que 130 foron de control ao Goberno e 120 proposicións non de lei. Ademais, sumouse a aprobación a pasada semana do Regulamento do Consello de Contas.
“De todas as iniciativas debatidas en Comisión, o 71 por cento foron a proposta dos grupos da oposición, ao tempo que se teñen aprobado 47 proposicións non de lei, das que 30 foron por unanimidade dos grupos parlamentarios”, sinalou.
O portavoz popular manifestou que o traballo nestes 125 días de lexislatura “está sendo intenso” e destacou a existencia de “máis niveis de acordo dos que moitas veces se pensa para os que seguimos a actividade parlamentaria”.
Cuestionado sobre a actividade da oposición, Puy indicou que “presentou iniciativas construtivas tanto en pleno como en comisións. Porén, explicou que “hai que falar de varias oposicións, porque non toda a oposición coincide sempre en cuestións relevantes e os grupos non comparten máis que a crítica ao goberno, pero sen puntos en común”.
RESPONSABILIDADE COAS OPOSICIÓNS
Sobre a convocatoria de oposicións por parte do Goberno galego, Puy lembrou que “a norma que implica que se poidan convocar esas prazas depende da súa aprobación polas Cortes Xerais”, unha cuestión que “estase a debater, pero non hai un respaldo legal antes da aprobación dos orzamentos”.
“Todos debemos ser responsables e non é rigoroso intentar aprobar aquilo dos orzamentos que nos gusta máis e non ter en conta o que nos poida gustar menos”, manifestou, para engadir que “todos deben traballar con responsabilidade para que canto antes se acepten polas Cortes eses orzamentos”.
Pedro Puy subliñou que “non aprobar os orzamentos do Estado ten malas consecuencias para o conxunto da cidadanía” e destacou a “actitude amosada polo Goberno do Estado de pactar e sumar apoios para a aprobación polas Cortes da Lei de orzamentos para 2017”.