Santiago, 22 de setembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, defendeu hoxe a creación da Comisión non permanente de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19 e tendeu a man á oposición para aportar ideas e solucións que melloren a situación dos galegos nesta pandemia sanitaria.
No debate sobre a creación dunha Comisión de Investigación sobre a xestión das residencias de maiores durante a pandemia da Covid-19, Pedro Puy comezou a súa intervención recoñecendo o traballo realizado polos profesionais destes centros, “un sector que leva anos prestando servizos aos maiores, axudando ás familias, na maior parte dos casos con carácter voluntario e movidos polo amor ao próximo e a solidariedade humana”.
EN GALICIA, MELLOR
Na súa intervención, o portavoz popular puxo de manifesto que os datos sinalan que “a incidencia do coronavirus nas residencias en España foi superior que en Galicia e con efectos máis letais nas persoas maiores”. En concreto, dixo que a ratio de falecidos por Covid-10 sobre os totais en Galicia é do 44,36, fronte ao 51,6 da media española; a ratio de falecidos por Covid-19 respecto ao número de prazas totais en Galicia situouse no 1,50 fronte ao 4,23 de España; e, por último, a ratio de falecidos por Covid-19 respecto da poboación sitúase en Galicia no 0,011, mentres que en España é do 0,042.
“Estes datos evidencian que en Galicia se fixeron as cousas mellor que no resto de España, polo que debemos amosarnos satisfeitos porque o Goberno galego traballou de maneira que en Galicia morreron menos persoas en residencias que no resto de España”, salientou. “En Galicia non se deu unha vida por perdida e non se discriminou a ninguén”, asegurou.
Pedro Puy lamentou que unha semana despois de ter acadado un acordo unánime sobre a constitución dunha comisión de estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia, “levamos media mañá debatendo tres iniciativas parlamentarias sobre distintos mecanismos parlamentarios para facer o que xa acordamos”.
RIVALIZAR ENTRE A OPOSICIÓN
Neste sentido, cuestionouse se “é positivo para o Parlamento ver á oposición rivalizar sobre a posible paternidade dunha comisión de investigación?”, ante o que amosou a súa preocupación porque “ao longo destes debates tendín a man á oposición para traballar arreo na Comisión de Estudo e ningún dos seus portavoces se comprometeu a colaborar para atopar as mellores solucións ao problema da Covid-19”.
?️BNG e PSdeG-PSOE rexeitan en Madrid unha Comisión de investigación pero a solicitan en Galicia,se o obxectivo é coñecer a realidade,proporcionar ideas e explicar o acontecido á sociedade o apropiado é a Comisión de reactivación constituída a semana pasada, di Puy… pic.twitter.com/KL6voO0Wrq
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 22, 2020
“Compartimos coa oposición os obxectivos de fondo: investigar en profundidade e aclarar que foi o que non funcionou con carácter construtivo e propositivo”, sinalou o portavoz popular, para quen “unha comisión de investigación non é o mellor instrumento para traballar construtivamente”.