Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para poñer á disposición das explotacións gandeiras galegas o servizo de seme sexado de Xenética Fontao
Galicia está na vangarda en materia de xenética animal, un feito que contribúe decisivamente a consolidar a posición da nosa Comunidade Autónoma como líder nacional e mesmo de referente a nivel europeo na produción de leite, en cantidade e calidade.
Neste termo, fomos coñecedores de que a empresa pública adscrita á Consellería do Medio Rural, Xenética Fontao S.A., comezou a produción en exclusiva de seme sexado de vacún de primeira calidade para toda España.
Este tipo de material trátase dun produto estratéxico para o sector lácteo, xa que cada vez é máis utilizado para a inseminación artificial por razóns de custos de produción, dado que garante ao 90% a obtención de xatas de alta xenética para a reposición das seguintes xeracións.
Isto comporta traer a Galicia a tecnoloxía de reprodución do seme sexado, que permite seleccionar o sexo da descendencia, proporciona autonomía ao sector lácteo que pasa, a partires de febreiro de 2022, a producir este tipo de doses de seme na nosa Comunidade.
Así mesmo, este produto será producido especificamente por Xenética Fontao, ao menos, nos próximos 3 ou 5 anos –cabe destacar que as outras empresas que posúen esta mesma tecnoloxía atópanse en Dinamarca, Holanda, Alemaña, Francia, Italia, e xa fóra da UE outras dúas localízanse en Suíza e Reino Unido–. Este feito determina que Galicia, como 10.ª rexión láctea da Unión Europea, poida dispor desta tecnoloxía e avanzar na produción do leite, un produto estratéxico para o noso sector agropecuario.
Ademais, a produción deste tipo de material reprodutivo na nosa comunidade debera permitir pór a disposición do sector o seme sexado e con iso unha contención dos custos, xa que a produción noutras localizacións encarece o produto entre 2,5 a 3 euros por dose.
Neste sentido, Galicia ha de ser principal beneficiaria das vantaxes do uso deste produto, non só na xestión zootécnica e xenética das reses das explotacións de vacún, senón tamén na redución de custos.
En definitiva, trátase dun avance moi significativo da aplicabilidade do I+D+i, da innovación e as novas tecnoloxías ao sector gandeiro, cuxa implicación ha de responder a unha maior rendibilidade para este último, a dispoñibilidade a nivel local e un maior progreso xenético.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a poñer a disposición das explotacións gandeiras galegas o servizo de seme sexado de Xenética Fontao o antes posible”.
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002037