A secretaria xeral critica que o presidente do Goberno garde un “silencio irrespectuoso” sobre temas de gran transcendencia para a Comunidade
A secretaria do PPdeG, Paula Prado, lamentou que, tras máis de 50 días desde que se lle solicitou a xuntanza, o presidente do Goberno continúe sen recibir ao líder do Executivo autonómico, Alfonso Rueda. “Sánchez non escoita a Galicia”, manifestou engadindo que “queda claro que non estamos entre as súas prioridades”.
Como apuntou, “non é de recibo que o presidente do Goberno trate moito máis amablemente aos líderes internacionais que aos líderes das súas propias Comunidades Autónomas e que nin sequera poida facer un oco na súa axenda, non só para só para concertar unha reunión co presidente de Galicia, senón tampouco para responder a esa solicitude”.
“A Moncloa non deixa de ser un plató de televisión para Sánchez, un actor que exerce un papel de antagonista con Galicia e cos galegos”, criticou mentres sinalaba que a nosa Comunidade non logra entender o “desprezo continuado que vén derivado, probablemente, de que cando os galegos teñen que elixir, non elixen ao Partido Socialista”.
A número dous do PPdeG contrapuxo a estabilidade política da nosa Autonomía coa postura do Executivo central, que garda “silencio” sobre a chegada da alta velocidade a todo o noso territorio, a través dos comprometidos trens Avril; sobre o “importante problema” do derrubo do viaduto A-6; sobre traspasar a xestión do dominio público marítimo-terrestre, que “xa se podería empezar a negociar mañá mesmo”; sobre a eliminación de paradas de autobús en 23 municipios, cun total de 136.000 galegos que quedarán desconectados; ou sobre as cinco medidas propostas pola Xunta para solucionar o déficit de profesionais sanitarios. “O silencio de Sánchez sobre temas de tanta transcendencia é un silencio irrespectuoso para todos os galegos”, subliñou.
GALICIA ESTÁ DE MODA
A secretaria xeral compareceu en rolda de prensa trala reunión na que se constituíu a Comisión de Turismo do PPdeG, que estivo presidida pola coordinadora desta área, Noelia Martínez Cagiao, e na que se constatou a “boa saúde” deste sector en Galicia.
Acompañada na súa intervención por Nava Castro, unha da vintena de membros desta Comisión, Prado resaltou que a nosa Comunidade sitúase como líder en turismo e, ademais, faino outorgando confianza ao viaxeiro: “Galicia está nesta situación porque foi esixente para que a etiqueta de destino seguro fose realidade. O noso modelo é seguro e de calidade”.
Malia as críticas da oposición por situar o turismo entre as prioridades do Goberno galego, a secretaria xeral aclarou que isto non significa que se estea a descoidar outros sectores. De feito, salientou que o turismo é unha prioridade tamén para o seu partido porque hai un impacto directo na sociedade e na economía en xeral —supón o 10,4% do noso PIB e emprega a máis de 100.000 persoas— e existe unha implicación desde moitos prismas —axencias, hostalería, gastronomía, enoturismo ou o Xacobeo—.
“Galicia está de moda e debe seguir traballando por ser unha potencia turística de calidade, coa excelencia como meta. Galicia está de moda grazas a que a súa diversidade de ofertas é inigualable. Galicia está de moda e no bo camiño para que o 2022 teñamos rexistros récord. Galicia está de moda con máis de 150.000 Compostelas seladas e máis de 1,3 millóns de turistas no que vai de ano”, afirmou segura de que a Comunidade pechará un “ano histórico” da man do Xacobeo, “que oxalá se poida completar coa visita do Papa”.
“Se o PPdeG ten 313 obxectivos, Galicia ten 313 destinos que están de moda, con algo que ofrecer e cos que en 2023 agardamos recuperar a cifra de 5 millóns de turistas”, sentenciou.