A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pediu hoxe ao BNG que deixe de apoiar ao Goberno de Sánchez e, ao mesmo tempo, rompa co PSOE nos concellos e nas deputacións galegas para “non ser cómplice da corrupción”.
“O BNG e Ana Pontón teñen que rachar con todos os gobernos locais socialistas que está apoiando en Galicia, que non son poucos, e tamén nas deputacións. Ese sería o verdadeiro favor que lle farían á cidadanía. Mentres non o fagan, seguirán sendo cómplices da corrupción que cada día está asolando a España”, sinalou en declaracións aos medios antes de participar na 54ª Festa do Peixe de Bande, acompañada pola alcaldesa e secretaria xeral do PP da provincia de Ourense, Sandra Quintas, e polas deputadas nacionais Ana Vázquez, Marta González e Irene Garrido.
Prado abundou en que o BNG e Ana Pontón “teñen que deixarse xa de chíos e comunicados”, porque o que teñen que facer, e tamén Xosé Ramón Gómez Besteiro, é “aparcar o cinismo” e esixirlle ao presidente do Goberno de España que, “por dignidade”, convoque eleccións.
“Lamentablemente, o PSdeG segue agarrado a ese sanchismo que non trae nada bo para Galicia”, afondou.
Neste sentido, asegurou que o todo o que se está coñecendo estes días “é a forma de traballar dun Goberno central que xa non se preocupa dos problemas reais nin dos galegos nin do resto de españois, porque só ten unha ocupación: a corrupción e o ‘sálvese quen poida’”.
“Para nós isto é insoportable. Son precisas máis dimisións, pero sobre todo convocar eleccións”, deixou claro, tendo en conta que “a cidadanía está farta de erguerse cada día cun novo titular de corrupción”.
Prado lamentou que “están roubando a mans cheas os cartos dos españois, que tamén son os dos galegos”, pero “logo non hai financiación para facer novas infraestruturas ou para manter os servizos sociais en Galicia”.
“Levamos anos escoitando a este Goberno de España falar de fango, de corrupción e de bulos, cando o fango é o que están xerando eles cada día, estalles chegando ao pescozo e está asolando España”, concluíu, reiterando a petición “urxente” de que Sánchez “deixe paso e que os españois decidan se queren seguir sendo gobernados por un partido que non goberna España e que o único que está preocupado é por tapar a súa corrupción”.
A FORMA DE TRABALLAR DA XUNTA FRONTE A DO GOBERNO CENTRAL
Por outra parte, Paula Prado quixo destacar hoxe, como modelo do traballo do Partido Popular, o incremento en máis do 50% das frecuencias de transporte público entre Bande e Celanova con Ourense, anunciado pola Xunta esta semana.
“Mellorar o servizo de bus interurbano desde aquí coa capital da provincia é coñecer as necesidades dos veciños e das veciñas destas comarcas e atender as súas demandas. Esa é a nosa forma de traballar”, sinalou.
Isto “contrasta claramente”, dixo, coa forma de traballar do Goberno de Sánchez, que “cada día que pasa prexudica dunha forma ou outra á provincia de Ourense”, como ocorreu recentemente coa supresión da parada de Alta Velocidade na Gudiña ou co colapso esta semana na estación de Chamartín.
Así mesmo, Prado asegurou que era un pracer volver á Festa do Peixe de Bande, acompañada de grandes compañeiras como Sandra Quintas e Ana Vázquez, “dous grandes referentes do que son as políticas do PP”.
Mentres, Quintas asegurou que foi “un orgullo” a visita da secretaria xeral do PPdeG a unha celebración que “non é unha simple festa gastronómica, senón que é o resultado das tradicións e da identidade de Bande como pobo”.