Pregunta sobre a avaliación, a actividade e o resultado das medidas de prevención da covid-19 implantadas a través da creación do rexistro de viaxeiros
A COVID- 19 é unha infección respiratoria emerxente causada polo SARS- CoV-2, un coronavirus que se detectou por primeira vez en decembro de
2019 na cidade de Wuhan, China. Este abrocho inicial en Wuhan propagouse rapidamente, afectando outras áreas de China e posteriormente a outros países.
O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional. Esta expansión está a xerar unha crise sen precedentes recentes na saúde pública que afecta todos os sectores e individuos. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra esta pandemia.
En España, o primeiro caso de COVID-19 foi detectado a finais do mes de xaneiro e dende entón, o número de contaxios aumentou de maneira progresiva e a gran velocidade o que deu orixe a unha crise sanitaria sen
precedentes que requiriu a adopción de medidas excepcionais co obxectivo de protexer a saúde e a seguridade da cidadanía, conter o progreso da enfermidade e mitigar o impacto sanitario. Con esta finalidade, o pasado 14 de marzo declarouse o Estado de Alarma en España. Un día antes da declaración do Estado de Alarma, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, declaraba a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia o que obrigou a adoptar unha serie de medidas transitorias dirixidas a garantir ao mesmo tempo, a seguridade dos profesionais sanitarios e dos pacientes mantendo en todo momento, o correcto equilibrio no exercicio de dereitos e obrigas da cidadanía galega.
A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, prevé, no seu artigo primeiro, que co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na dita lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.
O pasado 28 de xullo, a Consellería de Sanidade publica a ORDE do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios. O obxecto da presente orde é o establecemento de medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios.
Tendo en conta do tempo transcorrido dende a entrada en vigor de dita Orde, e que está a finalizar o período estival, que é o de máxima afluencia de viaxeiros a esta Comunidade Autónoma, cómpre avaliar o resultado desta medida pioneira.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas asinantes formulan a seguinte Pregunta Oral en Comisión:
Cal é a avaliación do funcionamento, actividade e resultado das medidas de prevención da COVID-19 implantadas a través da creación do Rexistro de Viaxeiros?
Iniciativa Rexistro: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/POC-000049