Pregunta sobre os criterios e a finalidade que tiveron as medidas de cribado para a detección da covid-19 realizadas a determinados colectivos nos últimos meses
O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional. Esta expansión está a xerar unha crise sen precedentes recentes na saúde pública que afecta todos os sectores e individuos. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra esta pandemia.
En España, o primeiro caso de COVID-19 foi detectado a finais do mes de xaneiro e dende entón, o número de contaxios aumentou de maneira progresiva e a gran velocidade o que deu orixe a unha crise sanitaria sen precedentes que requiriu a adopción de medidas excepcionais co obxectivo de protexer a saúde e a seguridade da cidadanía, conter o progreso da enfermidade e mitigar o impacto sanitario. Con esta finalidade, o pasado 14 de marzo declarouse o Estado de Alarma en España. Un día antes da declaración do Estado de Alarma, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, declaraba a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia o que obrigou a adoptar unha serie de medidas transitorias dirixidas a garantir ao mesmo tempo, a seguridade dos profesionais sanitarios e dos pacientes mantendo en todo momento, o correcto equilibrio no exercicio de dereitos e obrigas da cidadanía galega.
Unha vez levantado o Estado de Alarma en España, e manténdose en Galicia o de emerxencia sanitaria, aprobouse o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade que regula, xunto ao citado Acordo de declaración da emerxencia sanitaria, as medidas de prevención e control que están vixentes e funcionan hoxe en día na nosa Comunidade Autónoma.Unha desas medidas foi a realización de tests masivos a colectivos especialmente expostos ao virus, uns cribados que ou ben se localizaron en zonas xeográficas e segmentos de poboación especialmente afectadas (recentemente como as persoas mozas da comarca coruñesa) ou ben se realizaron en todo o territorio galego pero centrados en colectivos concretos como o persoal docente, as persoas internadas en residencias ou determinados grupos laborais.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas asinantes formulan a seguinte
Pregunta Oral en Pleno:
Que criterios e finalidade tiveron as medidas de cribado para a detección da COVID-19 realizadas a determinados colectivos nos últimos meses?
Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PUP-000047