Pregunta sobre se o Ministerio de Xustiza lle concretou á Xunta de Galicia os criterios e os recursos que transferirá ás comunidades autónomas para facer fronte ás medidas de recuperación previstas no ámbito da Administración de xustiza
Exposición de motivos.
A crise sanitaria xerada pola COVID-19 impactou en todos os ámbitos, entre eles no eido da Administración de xustiza, no que supuxo unha importante repercusión a redución xeneralizada da actividade xudicial non esencial durante o estado de alarma.
As súas consecuencias non só atinxen á necesidade de recuperar o traballo correspondente ás actuacións xudiciais suspendidas durante o dito período, senón que tamén implicarán no curto prazo un incremento da litixiosidade derivada da paralización de determinados sectores industriais e empresariais (despidos no ámbito laboral, impugnacións xudiciais de expedientes de regulación de emprego, concursos de acredores, reclamacións no eido do consumo, etc.), que incidirán especialmente na sobrecarga das xurisdicións laboral, mercantil e contencioso-administrativa, entre outras.
Para afrontar estes efectos, o Real Decreto-lei 11/2020, do 31 de marzo, anunciaba a aprobación polo Goberno da Nación dun Plan de actuación para axilizar a actividade xudicial dos órganos das xurisdicións social, contencioso-administrativa e xulgados mercantís, o cal foi finalmente aprobado polo Consello de Ministros o pasado 7 de xullo.
O dito Plan determina as medidas que cómpre adoptar nos distintos xulgados que así identifica en todo o Estado, as cales implican importantes custos para as administracións prestacionais dos medios materiais e persoais ao servizo da Administración de xustiza, ao definir actuacións que van desde a dotación de retribucións extraordinarias ao persoal dos órganos xudiciais para a súa participación en programas de actuación por obxectivos, como a dotación de persoal de reforzo externo naqueles xulgados que xa concentraban un volume de traballo moi elevado, e mesmo a creación de novos xulgados.
Afrontar as medidas contidas no plan deseñado polo Goberno da Nación para toda a Administración de xustiza, require dun importante esforzo de atención e de planificación orzamentaria por parte das Administracións Autonómicas ás que lles corresponde o 90% do custo na súa dotación (locais, mobiliario, funcionarios, etc.).
Concretamente respecto da primeira fase do Plan, cuxo desenvolvemento está previsto no período setembro-decembro 2020 e que se concentra nos xulgados do social e mercantís, o pasado 23 de xullo dábase conta no Consello da Xunta das medidas e do custo que en materia de persoal suporá a súa posta en marcha no territorio para a Administración Autonómica da Xunta de Galicia, incluídos os tres novos xulgados do social que o Ministerio contempla crear ao abeiro do dito plan.
Boa parte das medidas previstas polo Goberno da Nación para a recuperación no ámbito da Administración de xustiza, implican para a Comunidade Autónoma – provedora dos medios económicos, materiais e persoais ao servizo da Administración de xustiza-, a execución dunha serie de actuacións que superan amplamente e de maneira sobrevida os servizos predefinidos aos que se circunscribía o sistema de financiamento tras o traspaso dos ditos medios (Reais decretos 2166/1994 e 2397/1996), polo que requiren da ineludible achega económica por parte do Estado a tal fin.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas asinantes formulan a seguinte
Pregunta Oral en Comisión:
Ten concretado o Ministerio de Xustiza á Xunta de Galicia os criterios e recursos que transferirá ás Comunidades Autónomas para facer fronte ás medidas de recuperación previstas no ámbito da Administración de xustiza?
Enlace á pregunta: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Rexistros/qsQNdXg-9aHBTD1pgrLUfngarZsg8Q0eYuJOK6PbsXA=
Video intervención: http://mediateca.parlamentodegalicia.es/library/items/comision-1-institucional-administracion-xeral-xustiza-interior-2020-09-16?part=f0dc78dc-066f-4139-b8f4-4040f12fedbb&start=1688
Enlace resposta Xunta, nota de prensa: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/51487/xunta-destaca-melloras-aplicadas-administracion-xustiza-para-adaptala-situacion