Santiago, 3 de abril de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana a creación de cemiterios que atendan a demanda de soterramentos das confesións minoritarias con maior arraigo en Galicia, especialmente musulmáns e xudeus; e a conmemoración do 30 aniversario do recoñecemento do Camiño de Santiago como 1º Itinerario Cultural Europeo. En concreto, estas dúas iniciativas “tratan do reforzamento tanto dun dos principios fundamentais da Constitución Española, como é o principio de liberdade relixiosa e de cooperación coas confesións relixiosas; como da contribución ao reforzamento da idea de Europa cunha forte raigame cultural”, afirmou o portavoz popular, Pedro Puy.
Na súa explicación, Puy lembrou que a Constitución Española establece no seu artigo 16 o principio de liberdade relixiosa, ao tempo que no artigo 16.3 recolle o principio de que ningunha confesión relixiosa ten carácter estatal, pero que os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán relacións de cooperación coa Igrexa Católica e as demais confesións.
MANDATO ESENCIAL DA CONSTITUCIÓN
Deste xeito, manifestou que “os poderes públicos, nomeadamente a Xunta e os concellos galegos, teñen que actuar para a creación en Galicia de cemiterios de carácter supramunicipal para soterrar ás persoas de confesións relixiosas minoritarias, principalmente musulmán e xudea”.
Pedro Puy afirmou que na actualidade diversas comunidades autónomas españolas xa contan con este tipo de cemiterios. A ausencia en Galicia destes espazos “implica que unha persoa que profese algunha destas confesións e queira ser soterrado de acordo con esa confesión, a familia terá que pagar o desprazamento correspondente, cun custo que oscila entre os 5.000 e os 15.000 euros”.
Coa aprobación desta proposición non de lei, o Grupo Popular pretende recoller un “mandato esencial da Constitución Española, cooperando coas confesións relixiosas nas que creen galegos ou residentes en Galicia e que teñen todo o dereito a que os poderes públicos lle dean resposta a esta problemática”.
CONSTRUCIÓN DE EUROPA
En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria que a Xunta elabore un programa de conmemoración do 30 aniversario do recoñecemento polo Consello de Europa do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.
Puy asegurou que este feito “suscita interese tanto na delegación española diante do Consello de Europa como na propia institución en xeral, porque é certo que Europa se constrúe a través de avances institucionais, de acordos políticos, pero tamén a través de iniciativas de fonda importancia cultural, como é o recoñecemento do Camiño de Santiago como algo que desde a Idade Media xunta a europeos de todas as nacións no obxectivo común de chegar a Compostela”.Para rematar, os deputados populares cuestionarán ao Goberno galego sobre o número de familias que se beneficiaron do plan de axudas á natalidade; sobre a evolución das descargas e vendas no caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste; e sobre a posición que o conselleiro de Educación defendeu na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, celebrada a pasada semana no Senado, respecto da necesidade dun Pacto Nacional no ensino.