Santiago, 13 de novembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe porque na Comisión parlamentaria de estudo sobre a política forestal e os incendios forestais, “que mañá proporemos na Xunta de Portavoces, sexamos capaces de facer un plan a longo prazo, asumido por todas as forzas políticas e coa implicación de todas as administracións”.
Pedro Puy considerou necesario que “todos traballemos en base ás 30 medidas que trouxo o Presidente da Xunta ao pasado Pleno, así como todas aquelas iniciativas que partan da sociedade civil, os grupos parlamentarios e outras comisións que xa están funcionando”.
“Hai que tratalo de tal maneira que os acordos que adoptemos na Comisión de estudo permitan mellorar aquelo que sexa posible na loita contra os lumes e avanzar na boa ordenación forestal, a capacidade das administracións de sancionar ou dar instrumentos para actuar na limpeza das fincas”, apuntou.
O portavoz popular lembrou que a vaga de incendios do pasado mes de outubro “foi protagonista da actividade parlamentaria nas últimas catro semanas”, co que asegurou que “a institución estivo á altura das circunstancais”. En concreto, citou a comparecencia no Pleno tanto do Presidente da Xunta como da conselleira do Medio Rural; a resposta a tres interpelacións da propia conselleira; ou a resposta do Goberno galego a catro preguntas da oposición.
Ademais, na última sesión plenaria da pasada semana aprobáronse unha moción sobre a elaboración do Plan Forestal e dúas proposicións non de lei sobre a activación do plan de continxencias por contaminación mariña e a rexeneración ambiental.
Catro comisións parlamentarias (1ª, 7ª, 8ª e da CRTVG) tamén abordaron cuestións relacionadas cos lumes forestais, a través de cinco proposicións non de lei e catro preguntas.
Pedro Puy valorou, por outra banda, “o compromiso do Goberno central, que estivo con Galicia antes, durante e despois da vaga de lumes”. “Aprobou un paquete de axudas de 13 millóns de euros para paliar os danos e atender aos afectados, que se suman aos 21 millóns de euros tamén aprobados pola Xunta”, salientou.
VIXIAR A QUEN TRANSITA POLO CORREDOR DE FISTERRA
Respecto do 15 aniversario do accidente do Prestige, o portavoz popular considerou que actualmente “estamos mellor preparados” ante unha catástrofe deste tipo, “fundamentalmente pola propia experiencia e grazas ás medidas adoptadas desde entón”. Porén, manifestou que “desde o accidente sempre tiven a impresión de que puxemos pouca énfase nas cuestións relacionadas co tráfico internacional de substancias perigosas polo corredor de Fisterra”.
Neste sentido, lembrou que “a única condena foi a do capitán, ao mando dun buque con defectos estruturais, con sobrecarga e que desobedeceu ás autoridades españolas”. “Non deixa de resultar sorprendente que buques con defectos estruturais poidan ter permiso de navegación, cun seguro insuficiente para cubrir os danos que poidan causar, que os entramados empresariais faciliten que nun accidente deste tipo desapareza o máximo responsable do buque; ou que e a propia Unión Europea aínda non fixera obrigatorio o dobre casco”, apuntou.
CONCIENCIAR SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO
Por último, cuestionado sobre a campaña institucional da Xunta de prevención e sensibilización contra a violencia machista, Puy manifestou que “o importante, con independencia de que nos gusten máis ou menos as campañas sufragadas con fondos públicos, é que todos traballemos para concienciar á sociedade e previr a violencia de xénero”.
Pedro Puy recordou que “en Galicia promovemos un pacto en relación coa violencia de xénero, que posteriormente foi levado á Conferencia de Presidentes e converteuse nun pacto a nivel nacional”, polo que asegurou que “non vou ser quen critique ningunha campaña contra a violencia machista, con independencia que unhas sexan máis afortunadas que outras”.