Santiago, 20 de febreiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou hoxe que “é o momento de que o Goberno galego faga un estudo para saber cales son os escenarios que se abren” coa saída do Reino Unido da Unión Europea.
O Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que elabore, coa participación do Consello de Acción Exterior de Galicia, un informe sobre os posibles impactos do Brexit na economía galega e nos seus sectores produtivos. “Estamos nun momento de incerteza económica a nivel internacional, polo que temos que estar pendentes das afeccións que esta situación pode ter na economía galega”, apuntou.
LAMENTABLE BREXIT
Pedro Puy cualificou de “lamentable” a decisión do Reino Unido de saír da Unión Europea “porque é a primeira vez que o proxecto europeo ve como un dos seus membros decide retirarse e non continuar mellorando as institucións europeas para facelas máis comúns e eficaces na resposta aos problemas dos cidadáns”.
O portavoz popular subliñou que ante esta situación “debemos estar pendentes e valorar que impacto pode ter na economía galega, que nos últimos tempos ten incrementado as relacións co Reino Unido, á que exportamos máis de 1.500 millóns de euros cada ano”. “Galicia ten que estar preparada ante a eventualidade dos escenarios que o Brexit abre ante nós”, porque “vai abrir oportunidades para Galicia pero tamén vai constituír un reto para a nosa cidadanía.”
IMPULSO Á CONCILIACIÓN
En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá outra proposición non de lei “ambiciosa en materia social, xa que pretende impulsar que para o ano 2020 todos os concellos de Galicia dispoñan de recursos de conciliación da vida familiar e laboral, coa apertura de casas-niño no rural galego”.
Puy lembrou a aposta do actual Goberno galego pola creación de novas prazas en escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos, salientando que no presente ano sacará unha nova partida de axudas para a apertura de 30 novas casas-niño en concellos do rural galego.
Respecto do debate sobre a creación dunha comisión de investigación sobre as causas do accidente ferroviario de Angrois, Pedro Puy avanzou que o Grupo Popular manterá “a posición coherente” que tivo nas tres veces anteriores que xa se debateu sobre este mesmo asunto no Parlamento galego.
En concreto, á marxe de reiterar o respecto e apoio ás familias das vítimas do accidente, subliñou que “queremos que se coñezan todas as circunstancias que rodearon a este dramático accidente” e en concreto propuxo a elaboración “dun informe incontrovertido por parte das autoridades españolas” sobre as causas do accidente, tal e como se recolle na proposta de declaración institucional que fixo o Grupo Popular ao resto dos grupos parlamentarios.
COMPETENCIA DAS CORTES XERAIS
“Aceptamos o debate pero entendemos que o Parlamento de Galicia non é o lugar máis axeitado se o que queremos é atender a petición das asociacións de vítimas, que o que queren é saber fehacientemente o que pasou”, sinalou Puy, quen explicou que “no ámbito das competencias das comunidades autónomas non hai capacidade de investigar” aos presuntos responsables deste accidente, porque o control das actuacións dos titulares da Administración estatal faise a través das Cortes Xerais.
Ademais, lembrou que coa reforma do Regulamento do Parlamento aprobada na pasada lexislatura, os grupos da oposición poden crear unha comisión de investigación sen o respaldo do grupo maioritario. Para isto, farían falta 25 deputados dun mesmo grupo parlamentario ou 30 de varios grupos.