Santiago, 24 de outubro de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe a “falta de coherencia” do BNG ao cualificar de “irreais” os orzamentos da Xunta, porque afirman que “as cifras de crecemento non están axustadas, baseándose nun informe dun organismo privado sen ter en conta outros que o respaldan, como a AIReF ou o Foro Económico de Galicia, ao tempo que rexeitan presentar unha emenda á totalidade aos presupostos do Estado, que si foron postos en cuestión pola AIReF, o Banco de España ou Funcas”.
Pedro Puy comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación lamentando a morte dunha veciña de Vigo presuntamente a mans dun veciño e amosou o pesar por este feito e a confianza nas forzas e corpos de seguridade para que se esclarezan as causas.
De seguido, lembrou que esta semana dará comezo no Parlamento de Galicia a tramitación dos orzamentos da Xunta para 2023 coa comparecencia dos conselleiros do Goberno galego e dos responsables das institucións estatutarias, así como da Axencia Galega de Infraestruturas, do Instituto Galego de Vivenda e Solo, do Instituto Enerxético de Galicia e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
FALTA DE PROFESIONAIS SANITARIOS
O portavoz popular lembrou que se trata dos orzamentos máis altos da historia de Galicia (12.600 millóns de euros) e cun gasto social nunca antes visto na Comunidade galega (9.400 millóns de euros). No ámbito sanitario, Puy lamentou que a oposición, ao demandar a creación de máis prazas, “non acaba de entender o grave problema de falta de profesionais que existe na sanidade pública española”, para o que o Goberno galego está a poñer solucións como o acceso polo sistema de concurso de méritos de especialistas en medicina de familia, pediatría de primaria, nos hospitais comarcais o de saúde mental; así como o incremento do 10 por cento dos fondos de formación sanitaria especializada para conseguir solucionar o déficit de médicos no futuro.
Pedro Puy tamén se referiu ao incremento das partidas destinadas a investimentos (que se achegarán aos 2.800 millóns de euros) ou aos beneficios fiscais que gozarán todos os galegos (que suporán un aforro próximo aos 600 millóns de euros).
“Estamos a falar dos maiores orzamentos sociais da historia de Galicia nun marco verosímil, porque os ingresos da Xunta non dependen do ciclo, xa que as entregas a conta están recollidas nos Orzamentos do Estado de acordo coa Lei de financiamento autonómico”, explicou o portavoz popular, quen incidiu que “Galicia vai recibir todas as cifras que están incorporadas aos orzamentos”.
GALICIA: 7,2 PUNTOS DE DÉBEDA POR BAIXO DA MEDIA
Respecto da débeda, Puy subliñou que “a situación de Galicia neste ámbito é envexable” e lembrou que a Comunidade galega foi na que menos se incrementou o endebedamento desde 2008. “Partimos dunha situación na que Galicia se situaba unha décima por enriba da media das comunidades autónomas, pero agora estamos 7,2 puntos por baixo da media”, apuntou. En concreto, na actualidade só están nunha posición mellor que Galicia as comunidades de Madrid, Canarias, Navarra, País Vasco e Asturias.
Cuestionado sobre as declaracións da ministra de Industria respecto dos reparto dos fondos europeos, Pedro Puy considerou “lamentable que España sexa o país de Europa que vai máis lento na distribución dos fondos procedentes de Europa, unha situación difícil de entender cando o país estase a xogar moito neste tema”. Neste sentido, lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez, co apoio exclusivo de VOX, tomou a decisión de xestionar directamente eses fondos europeos, decidir a que se dedican e como se distribúen, ignorando a cogobernanza coas comunidades autónomas”.
Así, criticou que a día de hoxe se descoñezan os fondos europeos que poidan financiar proxectos importantes para Galicia como é a factoría de Altri en Palas de Rei, así como que para o recién coñecido Perte do Naval aínda se teña que agardar a súa convocatoria.