No Pleno de mañá tamén se procederá á aprobación da modificación da Lei de servizos sociais e da modificación da Lei de coordinación de policías locais
PEDRO PUY CRITICA QUE A OPOSICIÓN “QUEIRA RETRASAR SEN XUSTIFICACIÓN” A DEVOLUCIÓN AOS FUNCIONARIOS DA PARTE DA PAGA EXTRA DEVINDICADA EN 2013
Santiago, 27 de xuño de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe que os grupos da oposición “queiran retrasar, sen aparente xustificación”, a aprobación no Pleno de mañá do proxecto de lei para a devolución da parte da paga extra devindicada aos funcionarios en 2013, a pesar de que conta co apoio dos sindicatos UXT, CC.OO. e Cesif. Así mesmo, na sesión plenaria procederase ao debate para a aprobación da proposición de lei, promovida polo Grupo Popular, de modificación da Lei de servizos sociais e do proxecto de lei de coordinación das policías locais de Galicia.
Pedro Puy lembrou que o Pleno dará comezo coa elección de tres membros do Consello Social da Universidade de Vigo e outros catro membros do Consello Social da Universidade de Santiago.
TEXTOS LEXISLATIVOS
A continuación, procederase ao debate para aprobación de tres textos lexislativos. En primeiro lugar, abordarase o proxecto de lei que modifica a Lei de coordinación de policías locais de Galicia que, entre outras cuestións, permite unha maior eficacia en determinados aspectos operativos e de organización dos corpos de policía local, favorecendo tanto aos propios concellos como ao persoal que se integra nestes corpos.
En segundo lugar, debaterase para a súa aprobación o proxecto de Lei a través do que a Xunta procederá este ano ao abono aos empregados públicos da parte devindicada da extra de 2013.
Puy explicou que este proxecto de lei chega ao Parlamento logo do acordo entre a Xunta e os sindicatos UXT, CC.OO. e Cesif, polo que amosouse “sorprendido porque todos os grupos da oposición estean en desacordo en que este texto lexislativo se aprobe nunha única sesión plenaria e habilite ao Goberno galego para proceder ao pago inmediatamente”. “Despois de reivindicar a devolución destas cantidades aos empregados públicos, parece que queren retrasar o procedemento sen aparente xustificación”, apuntou.
SEN REXEITAR EMENDAS DA OPOSICIÓN
En terceiro lugar, o Pleno procederá ao debate para a súa aprobación da proposición de lei, impulsada polo Grupo Popular, para modificar a Lei de servizos sociais e introducir o modelo de concerto social como modelo de xestión. Así, Puy indicou que “as entidades sociais sen ánimo de lucro van ter medidas de preferencia e discriminación positiva en relación cos concertos sociais que se asinen”.
O portavoz popular manifestou que se trata dunha proposición de lei que chega ao debate definitivo en Pleno “cunha ampla aceptación, logo de que no trámite parlamentario o Grupo Popular non rexeitara ningunha emenda da oposición, incorporando ao texto definitivo o 83 por cento das súas emendas”
Para rematar, Pedro Puy salientou que o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria a primeira medida de impulso de carácter popular que se debate nun parlamento autonómico. Trátase da proposición non de lei rexistrada pola Asociación galega de familias numerosas (Agafan) que solicita a redución do IVE ao 4 por cento para os cueiros dos bebés.