Santiago, 1 de setembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou esta mañá o discurso de investidura de Alberto Núñez Feijóo como “moi acaído para o momento presente, que recolle todo o que levábamos no programa electoral convalidado por esa gran maioría dos galegos que confiaron no PPdeG nas ultimas eleccións, e que amosa a gran confianza que ten en Galicia”. En concreto, Puy salientou a oferta de acordos do candidato á Presidencia da Xunta, a través da creación dunha comisión no Parlamento para solventar a crise sanitaria e socioeconómica, e do diálogo social con forzas sindicais e empresariais; ao tempo que propuxo actuacións no ámbito sanitario e social para evitar que a pandemia siga crecendo.
Pedro Puy salientou que Feijóo “mostrou unha vez máis que afronta os problemas de Galicia con responsabilidade e seriedade”, avalado por unha “maioría estable pola decisión de todos os galegos”. Porén, destacou a súa oferta de acordos, tanto a través da “constitución dunha comisión no Parlamento para que todas as forzas políticas poidan achegar ideas para solventar a crise sanitaria e socioeconómica que sufre Galicia” como da chamada, unha vez se constitúa o novo goberno galego, ao diálogo social coas forzas sindicais e empresariais.
“E tamén diálogo cos sectores intelectuais, que xa achegaron a través dos comités técnicos as mellores solucións para afrontar a crise sanitaria e a través do comité asesor en asuntos económicos as medidas que permitiron que Galicia estea a superar mellor que outras comunidades autónomas a enorme caída da produción que conlevaron decisións que se tomaron desde o Goberno central, como foi o confinamento”, engadiu.
Así mesmo, o portavoz popular referiuse ás actuacións anunciadas no ámbito sanitario “para evitar que a pandemia siga crecendo, para conter a propagación do virus e para adiantarse a situacións para as que o país está mellor preparado do que estaba cando comezamos a coñecer casos de infeccións en Galicia”.
DISCURSO SOCIAL
“Foi o discurso máis social que lle escoitamos a Feijóo nesta Cámara desde que é Presidente”, afirmou Puy, quen destacou “a fonda preocupación por todas esas cuestións relacionadas coa xente maior, coa posta en marcha de servizos nos domicilios ou coas necesidades dos dependentes”.
Ademais destas cuestións relacionadas cos ámbitos sanitario e social, Pedro Puy salientou a referencia “á incerteza que afecta ao sector do mar-industria suxeito a unha lexislación que pode levar ao peche de moitas empresas que na propia crise da pandemia demostraron que son moi capaces de dar resposta ás necesidades da cidadanía cando moitos mercados se pecharon”.
Tamén asegurou que o candidato á Presidencia da Xunta demostrou que “hai unha posible saída para Alcoa”, ao tempo que amosou a súa preocupación por “todo o que ten que ver coa transformación enerxética en Galicia e os problemas que se xeraron por unha transición tan rápida sen unha planificación equivalente que se está a facer nos países europeos, e que afecta a centrais como Meirama e As Pontes”.
SEGUIR MEDRANDO
“Confiamos que poidamos saír desta crise seguindo un plan para que Galicia poida seguir medrando e desenvolvéndose nun mundo que demanda que as nosas empresas innoven e accedan ao mercado aportando novo valor engadido, pero aproveitando tamén os nosos recursos naturais”, sinalou.
Para rematar, Pedro Puy avogou por levar adiante proxectos e actuacións de xeito coordinado coas demais administracións. Así, considerou que “é o noso deber defender a Galicia, pero sabemos que defendemos moito mellor a Galicia colaborando e coordinando as nosas actuacións cos concellos, coa Administración Xeral do Estado e con Europa”.