Santiago, 4 de outubro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou a intervención do Presidente da Xunta no Debate sobre o Estado da Autonomía desta mañá como “ilusionante, que sitúa a Galicia nun crecemento económico, nunha maior cohesión social e nun entorno de estabilidade política fronte ao que o único risco que hai é que rache como consecuencia de feitos alleos á nosa Comunidade autónoma, que nisto é un exemplo para toda España”.
Puy salientou que Feijóo pronunciou un “discurso realista e centrado nos problemas de Galicia, partindo da necesidade de manter a estabilidade política que a Constitución e o Estatuto garanten e advertindo dos fortes riscos que corren a recuperación económica en España e Galicia como consecuencia dos graves acontecementos que están a pasar en Cataluña”.
Segundo o portavoz popular, o Presidente da Xunta fixo da súa intervención “unha clara aposta por dous grandes eixos”: a consolidación da recuperación económica e o reforzo da cohesión social.
MEDIDAS CONCRETAS
En concreto, e despois de dous anos de crecemento económico, o Presidente da Xunta trouxo á Cámara importantes medidas que van desde novas rebaixas fiscais, que permitan á xente ter máis cartos no seu peto e orientar os investimentos cara ao sector rural, cara as empresas para que invistan e teñan solo no que poder desenvolver as súas funcións, e crear máis e mellor emprego; ata unha ambiciosa reforma do sistema galego de emprego”.
Por outra banda, e dentro do ámbito da cohesión social, Puy destacou que Feijóo, ademais de render contas do feito durante o primeiro ano de lexislatura, fixo “importantes anuncios, como a ampliación da tarxeta benvida a tres anos, que vai facilitar a moitas familias o poder mercar produtos de primeira necesidade para os seus nenos; ou novas rebaixas nas taxas das garderías infantís, despois de ter acadado que Galicia estea por enriba do que recomenda Europa en número de prazas infantís sostidas con fondos públicos”.
“Ademais, anunciou unha batería de melloras en todos os centros públicos de Galicia, de xeito que cando remate a lexislatura todos os centros hospitalarios de Galicia terán acometido importantes melloras tanto nas instalacións como na tecnoloxía que se aplica; ou o adianto ao vindeiro ano do cumprimento do obxectivo de atender a 60.000 persoas dependentes fixado para toda a lexislatura, sempre que teñamos orzamento do Estado e cumpra a súa parte do compromiso”, engadiu.
O REI, NO SEU PAPEL
Cuestionado sobre o discurso que o Rei pronunciou no día de onte respecto da situación en Cataluña, Pedro Puy cualificouno de “extraordinario, propio dun Xefe do Estado nunha situación grave como a que está a acontecer de violar a Constitución”.Neste sentido, lembrou que “é a segunda vez que o Xefe do Estado ten que saír en defensa do réxime político e constitucional que todos os españois nos demos no ano 78” e manifestou que o Rei “estivo no seu papel, como recolle a Constitución, de símbolo da unidade de España”.
Puy considerou que “houbo unha alusión directa ao diálogo dentro das canles que a Constitución marca e que permiten e abren moitas portas para presentar as demandas que se desexen para a reforma constitucional polas canles que a propia Constitución prevé”.
Así mesmo, salientou o feito de que o Rei manifestase “a solidariedade e comprensión coas persoas que están a sufrir o desgarro dunha división que afecta a familias e amigos provocada pola tolería independentista”, situación que “trasladamos aos máis de 70.000 galegos nados en Galicia que viven en Cataluña”.