PEDRO PUY TRASLADA A “SATISFACCIÓN” DO GRUPO POPULAR POLA DECISIÓN DE FEIJÓO DE PRESENTAR A SÚA CANDIDATURA Á PRESIDENCIA DO PPDEG
· Fixo referencia ao calendario previsto do Congreso do PPdeG e ao traballo no Parlamento para afirmar que “estamos traballando coa perspectiva de que as eleccións galegas sexan despois do verán, tendo sempre presente que a súa convocatoria é unha competencia específica do Presidente”
Santiago, 4 de abril de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, trasladou hoxe a “satisfacción” de todos os deputados deste grupo parlamentario pola decisión de Alberto Núñez Feijóo de presentar a súa candidatura á Presidencia do Partido Popular de Galicia é, por conseguinte, á Xunta de Galicia. “Existe un amplo consenso neste grupo de que se adoptou a mellor decisión para o conxunto do PPdeG”, asegurou Puy, quen apuntou que servira para “incentivar e seguir traballando porque queda moito por facer nun país con máis de 230.000 desempregados pero que camiña na senda correcta dun traballo que Feijóo ten encabezado nos últimos anos e que o PPdeG vai seguir impulsando”.
Pedro Puy manifestou que a convocatoria do Congreso extraordinario do Partido Popular de Galicia e a confirmación da candidatura do Feijóo para a Presidencia do PPdeG é a continuación do “profundo proceso de reflexión e renovación que se abriu no partido a raíz fundamentalmente do resultado das eleccións municipais”.
Neste sentido, indicou que este proceso deu comezo coa modificación do Goberno galego e da prioridade das súas políticas, centrándose e incrementando as dirixidas á política social; seguiu co debate das ideas no PPdeG a través dunha ponencia política; a renovación das estruturas provinciais do PP en Galicia, coa substitución de tres dos catros presidentes; e rematará coa celebración dun congreso extraordinario.
“A todo isto, súmanse determinadas novas no ámbito económico que tamén son positivas para as políticas desenvolvidas polo Partido Popular, como a concatenación de cifras de crecemento, así como que Galicia sexa unha das tres comunidades autónomas que cumpre os obxectivos de déficit; e o coñecemento hoxe do descenso do número de desempregados, nunha porcentaxe semellante á media nacional”, sinalou.
COA PERSPECTIVA DE DESPOIS DO VERÁN
Cuestionado sobre a data de celebración das eleccións autonómicas, Pedro Puy referiuse ao calendario previsto para a celebración do Congreso do PPdeG e ao traballo que se está a levar adiante no Parlamento galego para apuntar que “con todas estas cuestións estamos traballando na perspectiva de que as eleccións sexan despois do verán, pero tendo sempre presente que é unha competencia moi especificamente atribuída ao Presidente da Xunta”.
En concreto, o portavoz popular dixo que nestes momentos no Parlamento estase tramitando o Plan Estratéxico da Economía de Galicia, un documento complexo que ten que ir ao Pleno; e están e trámite os proxectos de lei do patrimonio cultural, de economía social, de coordinación das policías locais e a modificación da Lei de servizos sociais. Ademais, estase tramitando a iniciativa lexislativa popular sobre a pobreza enerxética e o custo da enerxía en Galicia, ao tempo que o Goberno galego anunciou recentemente a tramitación da Lei de espectáculos públicos, a lei de protección de animais domésticos e a lei de transporte por estrada de Galicia, á que se sumará a aprobación da Lei da Área metropolitana de Vigo.
“Queda moito por facer e o proxecto do Partido Popular ten moito que aportar, aproveitando unha situación inédita en España como é unha maioría sólida e estable que, se ben trata de chegar a acordos coa oposición, ten capacidade para aprobar normas importantes para o futuro de Galicia”, indicou.
Pedro Puy tamén valorou que Galicia teña “un calendario electoral diferenciado” das eleccións nacionais, polo que “salvo que haxa unha causa de extrema importancia, en principio estamos a traballar na perspectiva de que no caso de que haxa xerais non coincidan coas autonómicas”.