A vicepresidenta da Comisión Organizadora do 17º Congreso do PPdeG, Sandra Vázquez, anunciou que “Un Camiño por percorrer” é o lema do Conclave autonómico, “unha frase que evidencia que o partido mira cara adiante, que non vive dos logros colleitados ata a data de hoxe, senón que traballa polos retos que aínda quedan por acadar”.
Segundo expresou, a súa formación aínda pode facer máis e farao, como sempre, da man dos galegos e dende un plano de auto esixencia “que é o que nos permite actualizarnos e renovarnos dende a vitoria fronte aos que están cómodos con perder subindo ou con perder perdendo pouco”. “Un Camiño por percorrer sitúa ao PPdeG nun sendeiro no que seguir avanzando: o das melloras económicas e as baixadas de impostos que xa forman parte das nosas ponencias, o da blindaxe dos servizos sociais públicos e de calidade, e o de seguir abondando nun partido aberto e accesible para os cidadáns”, engadiu.
A vicepresidenta da Comisión Organizadora tamén avanzou que o Congreso será presidido polo presidente do PP de Pontevedra, Rafael Domínguez, que non só tería sido o anfitrión se non se tivese que mudar o lugar de celebración, senón que é un dos referentes urbanos do PPdeG, mellorando o resultado do partido nun momento de especial dificultade electoral e nunha cidade na que gobernan os nacionalistas. Xa como vicepresidenta da Mesa, apuntou que proporán a Marta González, deputada no Congreso e integrante do PP de Santiago, a cidade que acolle este evento.
Así mesmo, tamén informou que o acto contará coa presenza do secretario xeral do PP, Teo García Egea, que intervirá xunto ao candidato á Presidencia do PPdeG a tarde do venres; e coa do presidente nacional, Pablo Casado, que participará xunto ao xa presidente que saia das urnas na clausura prevista para o sábado.
AS APORTACIÓNS DOS AFILIADOS
Máis polo miúdo, e tras confirmar que o Congreso arrancará a tarde do venres e rematará ao redor das dúas e media do sábado, Sandra Vázquez explicou que as ponencias presentadas polos equipos relatores tiveron un total de 22 emendas. “O prazo pechouse o xoves pola noite e dende ese momento os poñentes están en contacto cos emendantes para aceptar ou transaccionar esas propostas”, dixo aclarando que as emendas nas que non haxa acordo chegarán vivas ao plenario do Congreso e será a totalidade dos 1.115 compromisarios os que terán a última palabra.
“O ideario do PPdeG facémolo entre todos. As nosas ideas non son un folio de word senón a suma das aportacións tanto dos dirixentes deste partido como dos seus afiliados, que son os nosos oídos e os nosos ollos nas catro esquinas de Galicia”, subliñou.
O PRIMEIRO É A SAÚDE DAS PERSOAS
Vázquez tamén se referiu ao cambio de sede do Conclave, que pasou de Pontevedra a Santiago a tan só unha semana do inicio da celebración debido ás necesidades loxísticas nun momento de incerteza sanitaria: “Un reto organizativo ao que tivemos que facer fronte pero que asumimos coa responsabilidade dun partido serio e que ten claro que o primeiro é a saúde das persoas”.
De todos modos, e tras destacar a excepcional acollida e colaboración que obtiveron por parte da urbe do Lérez, asegurou que a Comisión Organizadora pide á nova dirección do PPdeG, que sairá do Congreso desta fin de semana, que teña en conta a esa cidade á hora de organizar o seguinte gran acto multitudinario e cando as restricións polo coronavirus sexan cousa do pasado.