Iniciativa sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno central do inicio da redacción do proxecto de construción dunha nova estación ferroviaria de mercadorías no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, na provincia de Ourense
O Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, na provincia de Ourense, é un dos de maior superficie de Galicia, así como o máis antigo, pois data do ano 1965.
Está situado a 10 km do centro da cidade e, nun radio de 2 km, encóntrase o cinto empresarial de Ourense, composto polo Parque Tecnolóxico e o Polígono de Barreiros, tamén no Concello de San Cibrao das Viñas, o polígono do Concello de Pereiro de Aguiar, e o parque empresarial de Seixalvo, no Concello de Ourense.
En total, en menos de 6km á redonda, temos 642 empresas, 13.100 traballadores e 6,8 millóns de metros cadrados de superficie de solo industrial.
Estas empresas moven na actualidade máis de 3 millóns de toneladas anuais de mercadorías por estrada, o que é equivalente a uns 120.000 camións.
Hai que salientar ademais que a Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, ten previsto desenvolver o parque empresarial de Paderne de Allariz, de maneira que, entre o polígono de San Cibrao, o Tecnolóxico e a súa futura ampliación, a Cidade do Transporte e o futuro parque empresarial de Paderne de Allariz, créase un gran polo empresarial na zona.
Pese a este gran potencial industrial, este cinto empresarial só conta cun apeadoiro- cargadoiro ferroviario que dá servizo exclusivamente a unha gran empresa agroalimentaria.
O transvase de mercadorías da estrada ao ferrocarril é un obxectivo dos gobernos. O aforro de enerxía, o aforro económico, evitar a contaminación e os accidentes, a menor ocupación do territorio e a diminución da dependencia do petróleo son algunhas das vantaxes do ferrocarril.
A proposta de emprazamento desta central de mercadorías é colindante á Cidade do Transporte no concello de San Cibrao das Viñas, construída pola Xunta de Galicia, e o terreo proposto é contiguo a liña férrea actual de Ourense a Zamora.
Esta é a reivindicación máis importante do tecido empresarial de Ourense, que hoxe se fai máis necesaria ca nunca. Unha nova estación ferroviaria de mercadorías que permita a intermodalidade e que aumente a competitividade das empresas, permitindo tamén liberar espazo na estación Ourense-Empalme. Esa estación ocupa unha gran cantidade de metros cadrados e na actualidade está infrautilizada, pois os tráficos máis importantes realízanse na que hai en San Cibrao e que utiliza a empresa Coren, e na de Taboadela, que se utiliza para o envío dos contedores da planta de transferencia de Sogama, tamén situada no polígono de San Cibrao das viñas.
A central de mercancías do Polígono de San Cibrao está apoiada por diferentes administracións: Concellos, Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, e tamén conta cun forte respaldo empresarial e de partidos políticos e sindicatos de diferente signo.
Entendemos que o primeiro paso é que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana apoie esta iniciativa e acorde a redacción do proxecto desta nova Estación Ferroviaria de Mercadorías.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España,
a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que inicie a redacción do proxecto dunha nova estación ferroviaria de mercadorías no Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, na provincia de Ourense, liberando espazo da estación de Ourense-Empalme e contribuíndo a facer cidade”.
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001288