O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse hoxe a seguir gobernando Galicia como queren os galegos e as galegas, “con sentidiño”, fronte aos “espectáculos de corrupción e todo o que se está vendo” do PSOE e fronte ao “non a todo” do BNG, aos que “nada lles gusta e sempre están enfurruñados”.
Así o manifestou este mediodía ante os máis de 1.000 asistentes á XVIII Xuntanza Popular no Monte Castrove do PP de Poio, na que tamén participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e o alcalde, Ángel Moldes.
“Imos cumprir a nosa palabra e que así vos sigades sentindo orgullosos”, dirixiuse Rueda aos presentes, salientando que “por algo será” que haxa tanta xente nesta romaría “nun día no que podían estar en calquera outro sitio”: “É unha marabilla”.
Así, o líder dos populares galegos subliñou que “é fundamental” que neste momento haxa tanto apoio ao PP ou, o que é o mesmo, “a unhas ideas e unha unidade”.
Puxo de exemplo dese bo facer ao líder local, Ángel Moldes, un alcalde do que está “moi orgulloso”, con “moitas ideas” e que “vai seguir dando moitas alegrías”. “Aquí temos unha oportunidade para demostrar que sabemos facer moi ben as cousas”, dixo xusto cando se cumpre o ecuador do mandato municipal.
Moldes, engadiu, logrou en 2023 “acabar con tantos anos nos que parecía que se facía, pero en realidade non se facía nada”.
“Os que gobernaron en Poio tanto tempo son os dignos representantes de dicir ‘non’ a todo: ‘non’ a que veñan turistas, que parece que lles molestan; ‘non’ a que veñan industrias, pero despois se queixan de que a xente se teña que ir traballar fóra; ou ‘non’ a dicirlle ao PSOE en Madrid que hai que poñer as pilas”, afondou, incidindo en que co actual Goberno central “non funcionan os trens, non veñen os cartos e non se teñen en conta aos galegos e galegas”.
Por último, despois de visita de onte do presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, Rueda pediu á provincia de Pontevedra e a toda Galicia que o apoien “para que canto antes haxa un cambio en España”.
LUIS LÓPEZ: “PSOE E BNG ÚNENSE SÓ PARA QUE NON GOBERNE O PP”
Pola súa banda, o líder provincial, Luis López, puxo en valor as “políticas grandes, amplas, maioritarias, próximas á xente e de portas abertas” do Partido Popular en todos os concellos de Pontevedra e contrapúxoas ao “resentimento, crispación, parálise e bloqueo” que supón a acción conxunta de PSOE e BNG, “exclusivamente unidos, non a favor da xente, senón só para que non goberne o PP nunha cativeza de miras que está a ser erradicada da provincia”.
Ademais, Luis López destacou o “estilo Poio” imposto polo alcalde na vida municipal desde a súa chegada ao goberno local hai dous anos: “O prato estrela desta comida, que reúne máis de 1.000 persoas, é a política útil de Moldes e o seu equipazo, a que lle importa aos veciños, a do sentidiño, a de escoitar aos cidadáns, a que oxalá fora unha realidade en todos os concellos socialistas e nacionalistas… En definitiva, en Poio hai alcalde e hai proxecto para rato”.
POIO, NO MELLOR MOMENTO: “OFRECEMOS TRABALLO E RESULTADOS”
Mentres, Ángel Moldes asegurou que chegan ao ecuador do mandato situando a Poio no seu “mellor momento”, algo que “non é casualidade”: “É o resultado dun traballo serio, dunha xestión comprometida e dun goberno unido, cun proxecto único, claro e centrado, por riba de todo, nas necesidades reais da veciñanza”.
A clave, asegurou, é traballar con eficacia e eficiencia, cumprir cos compromisos adquiridos e estar preto da xente. “Este é o camiño que seguirá marcando a acción deste goberno ata final de mandato: seguir mellorando a vida da xente, con rigor, planificación e compromiso. Porque este é o tempo de Poio. E estamos preparados para seguir facendo historia”, abundou.
Por iso, “fronte a quen prefire xerar confusión, lanzar bulos ou recorrer ao insulto”, vai seguir traballando “con paso firme e decidido”: “Fronte aos bulos, feitos. Fronte aos insultos, feitos. Fronte á resignación e o enfado, feitos. Fronte ao ruído, nós ofrecemos traballo e resultados”.