O presidente dos populares galegos clausurou o acto Obxectivo Rural que se celebrou durante toda a mañá en Santa Comba
O presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe ao o futuro do rural galego e, así mesmo, ao Partido Popular de Galicia como o seu partido. “Temos a confianza e sabemos que se se sigue traballando como ata o de agora volveremos ser o partido do rural tamén nas vindeiras eleccións municipais”, sinalou.
Rueda clausurou o acto Obxectivo Rural que se celebrou durante toda a mañá na SAT Os Agros de Santa Comba, no que se mostrou o compromiso da formación co rural galego. Alí subliñou que Galicia é unha terra “única”, con 313 concellos diferentes, e que o PPdeG conta con homes e mulleres que saben interpretar cada un deses municipios, polo que animou aos seus a “pisar o acelerador” de aquí ao 28 de maio de 2023 “para manter esa confianza que fai ser alcalde e alcaldesa con maioría absoluta”.
Durante a súa intervención, o presidente dos populares galegos destacou que o partido “ten a cabeza no rural”: “Temos os pés na terra, para escoitar e para intentar mellorar, sen ningún tipo de dogma”.
Por este motivo, subliñou que a Xunta de Galicia traballa por crear oportunidades impulsando a economía destas zonas. “O noso deber é a cada persoa que queira emprender, sexa mozo ou non, conte con facilidades, axudas e non teña trabas”. Deste xeito, para “vivir no rural e do rural”, lembrou medidas como as casas niño, case un cento; a atención primaria, con 95 centros de saúde renovados no rural desde 2009; e boas infraestruturas. Así mesmo, asumiu o compromiso de que haxa boas conexións dixitais no rural, por ser necesarias e ter o mesmo dereito que os grandes concellos a contar con elas.
FONDOS NEXT GENERATION
Por outra banda, Rueda criticou a aqueles que entenden “o rural como postal” e pensan que as paisaxes son alleas á xente que vive neses territorios. Así, puxo como exemplo a espera pola chegada dos fondos europeos para a industria galega por parte do Goberno central. “Canto tempo máis imos ter que esperar por un dos mellores proxectos que se presentou en toda España aos Next Generation? Por que se nos dixo que presentáramos un proxecto así, por que o presidente Sánchez me dixo que estiveramos tranquilos, que habería noticias, e pasan os meses e non sabemos nada?”, cuestionouse sobre Altri.
“Non imos esperar máis. Galicia ten magníficos proxectos presentados aos fondos europeos e queremos exactamente o mesmo trato que todo o mundo, nin máis, nin menos. Sabemos facer as cousas ben e, polo tanto, se nos teñen que dar”, engadiu.
Así mesmo, tamén se preguntou como pode ser que a Xunta estea preto de pagar as axudas dos incendios de hai dous meses e o Goberno central soamente fixo un anuncio propagandístico sobre unhas axudas que aínda non están publicadas a día de hoxe.
Por último, incidiu en que “xa está ben de falar desde Madrid sen saber e por intentar sacar réditos políticos”, e invitou ao presidente Pedro Sánchez a falar cos beneficiados dos impostos cero e que lle digan o que é verdade: “Aquí apóstase polo rural, por moito que se enfade. Que veña aquí, pregunte e de paso vexa unha explotación como esta”.
CONVERSAR SOBRE O COMPROMISO CO RURAL
O acto deu comezo ás 10 da mañá cunha inauguración que correu a cargo da secretaria xeral dos PPdeG, Paula Prado, e de José González. De seguido, celebráronse varias mesas de debate sobre temas fundamentais para o medio rural.
A primeira delas, sobre o aproveitamento forestal e reestruturación territorial, estivo moderada pola integrante da Comisión de Medio Rural do PPdeG Inés Sante e contou coas intervencións de Luis Lamas Carral —gandeiro e propietario dunha xestoría agraria— e de Tania Blanco Gonzalez —enxeñeira agrícola e agroalimentaria e xerente dunha empresa forestal—.
O portavoz do PP en Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez Dávila, foi o encargado de moderar a segunda mesa, dedicada á política dende o mundo rural, na que participaron o tenente de alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García —propietario dunha empresa de patacas—, e a alcaldesa Vilariño de Conso, Melisa Macía —xerente dunha empresa de arandos—.
Por último, na mesa sobre iniciativas de novos emprendedores, moderada pola candidata do PP á Alcaldía de Lugo e presidenta provincial, Elena Candia, participaron Xabier Paz e María Ramos —gandeiro e propietaria dunha granxa de Vilalba— e Álvaro Pérez —gandeiro dunha explotación robotizada—.
A clausura tamén contou coas intervencións do presidente do PP da provincia da Coruña, Diego Calvo, o coordinador de Medio Rural do Partido Popular de Galicia, Avelino Souto, e da alcaldesa de Santa Comba, María Pose.