Alfonso Rueda: “Cada galego, viva onde viva e vote o que vote, ten en min alguén en quen confiar”

Hoxe, no mitin de peche de campaña na Coruña ao que asistiron 3.500 persoas e no que tamén participaron o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, o cabeza de lista pola provincia, Diego Calvo, e o presidente local do partido, Miguel Lorenzo

  • Se obtén a confianza dos galegos para seguir dirixindo o destino de Galicia, comprométese a “gobernar para todos sen sectarismos, sen adoutrinamentos, sen fronteiras e sen divisións entre bos e malos”
  • “Votemos polo que somos, polo que é Galicia: unha terra aberta e que quere un futuro compartido. Non é o momento de separarse. É o momento de superarse e facelo xuntos e convencidos”, engade
  • “Este domingo hai que atender á familia, aos amigos, facer deporte, descansar, pero sobre todo votar. Non hai escusa de ningún tipo”, afirma

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento a “seguir construíndo a Galicia que soñaron os nosos pais e avós para poder legarlle o mellor aos nosos fillos”, onde a ninguén se lle pregunte de onde vén ou o que pensa e que só mire cara o futuro: “Cada galego, viva onde viva e vote o que vote, ten en min alguén en quen confiar”

O líder dos populares galegos iniciou a súa intervención agradecendo a todos os que fixeron posible unha campaña electoral “inesquecible” enchendo masivamente todos os lugares onde se celebraron mitins ao longo destes 15 días, incluídos os galegos que desde o exterior “viven Galicia en primeira persoa, con preocupación, con actitude construtiva e con sentimento”.

“Esta gran mobilización era necesaria e demostra aos que pensaban que isto non podía ser como sempre que non só foi como sempre, senón que foi a mellor campaña do Partido Popular de Galicia”, afirmou antes de pedir aos seus un último empuxón para seguir traballando “con convicción e disposición a falar con quen queira escoitar” ata o 18 de febreiro.

Subliñou acto seguido que non importa o tempo que faga o domingo, xa que o que realmente importa é votar e encher as urnas: “Este domingo hai que atender á familia, aos amigos, facer deporte, descansar, pero sobre todo votar. Non hai escusa de ningún tipo. E, se votamos, o domingo pola noite celebraremos e o luns porémonos a traballar”.

Alfonso Rueda aproveitou este último día de campaña para volver pedir o voto “para a Galicia que funciona” dirixíndose tanto a todos aqueles que sabe con seguridade que o van votar como a aqueles que, máis que nunca, “están agardando que alguén lles pida a súa confianza con argumentos e convicción”.

A todos eles dálles a súa palabra de que non vai renunciar a nada do que prometeu en campaña, nin fará cousas que dixo que non faría. Remarcando que todo aquel que vota ao PPdeG ten que ter claro que vota a un partido que “cumpre os seus compromisos porque cre no valor da palabra dada”.

Pediu así a confianza de todos eses votantes do PSOE que xa non recoñecen nin entenden a un partido “rendido ás ordes dos de arriba e totalmente entregado ao independentismo”. A todos eses “verdadeiros socialistas” aseguroulles que poden confiar nel do mesmo xeito que aqueles que noutras ocasións votaron a outras formacións: “Esta vez necesitámosvos máis que nunca”.

“Despois de que todos fagamos unha reflexión e de que cada un vote o que estime conveniente, eu me comprometo a que, se obteño a confianza dos galegos para seguir dirixindo o destino de Galicia, a gobernar para todos sen sectarismos, sen adoutrinamentos, sen fronteiras e sen divisións entre bos e malos”, afirmou.

“EN GALICIA CABEMOS TODOS”

Alfonso Rueda reivindicou “liberdade para sentir, vivir e falar nunha Galicia na que cabemos todos” fronte aqueles que pensan que “só serve o seu xeito de pensar, que só hai unha maneira de sentir e de ver a vida” e “non entenden o orgullo e o recoñecemento que supón ter dúas linguas nas que poder falar”.

“Este domingo votemos polo que somos, polo que é Galicia: unha terra aberta e que quere un futuro compartido. Non é o momento de separarse. É o momento de superarse e facelo xuntos e convencidos”, engadiu convencido de que “nunha Galicia que se supere hai moitas máis vantaxes que nunha Galicia que se separe”.

Defendeu así a Galicia do sentidiño, que convive tranquila e sen crisparse, que é líder en formación da xente nova, en innovación, en apoio ás familias, en servizos públicos e na que cada mozo ten garantido un futuro a través do ensino en todas as etapas educativas.

E, do mesmo xeito, avogou por unha Galicia que siga ofrecendo alternativas ao abandono escolar, na que se paguen cada vez menos impostos, que estea mellor comunicada, que respecte aos maiores, que respecte o seu patrimonio natural e cultural e que aproveite as oportunidades de crear emprego e riqueza.

“Quero unha Galicia na que cada galego poida elixir como vivir e como quere que sexa a súa propia historia. Unha Galicia sen imposicións, que viva en liberdade, en plenitude e sen complexos. Unha Galicia orgullosa de si mesma e que non teña necesidade de mirar cara outros lados nin de importar modelos fracasados”, concluíu Rueda pedindo a todos os galegos que “voten con orgullo do que somos”.

Alfonso Rueda anuncia a ampliación do acceso á fecundación in vitro na sanidade pública ás mulleres de ata 45 anos e a eliminación do límite dun único fillo para o acceso a esta fórmula

Nun almorzo informativo celebrado esta maña na Coruña ao que asistiron 600 persoas e no que foi presentado polo presidente do PP local, Miguel Lorenzo

  • Ademais, todas as mulleres que desexen poderán conxelar os seus óvulos no sistema público, xa que tamén se eliminará o requisito de ter unha patoloxía para solicitar este servizo
  • Como novidade, anunciou tamén a posta en marcha do Intercity express, un transporte por estrada en autobús para conectar as sete cidades galegas, sen paradas intermedias e a prezos asumibles
  • O presidente salientou que os 450 millóns de euros que se investirán no CHUAC suporán o maior gasto realizado en infraestruturas sanitarias que xamais se fixo en Galicia

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou hoxe na Coruña que na vindeira lexislatura se dará “un paso máis no impulso de medidas contra o inverno demográfico” co aumento dos 40 aos 45 anos a idade para o acceso á fecundación in vitro na sanidade pública galega e a eliminación dun único fillo para o acceso a esta fórmula, así como a introdución da posibilidade de que todas as mulleres que desexen poidan conxelar os seus óvulos no sistema público coa eliminación do requisito de ter unha patoloxía para solicitar este servizo

Nun almorzo informativo celebrado esta mañá con representantes da sociedade coruñesa, Alfonso Rueda destacou os grandes esforzos feitos nestes anos na mellora da sanidade pública galega e recoñeceu a necesidade de “seguir mellorando e impulsando iniciativas beneficiosas para todos os galegos”. En concreto, destacou que a Xunta investirá no CHUAC cerca de 450 millóns de euros: “Supón o maior investimento en materia de infraestruturas sanitarias que xamais se fixo en Galicia”. Neste momento xa se levou adiante a fase 0 –por importe de 13 millóns de euros– para a creación dunha nova planta de hospitalización, un novo espazo do hospital de día, o aumento do número de camas para críticos e a ampliación tamén dos servizos de urxencias. Ademais, investíronse case 30 millóns de euros na dotación de novos equipamentos e nova tecnoloxía, como resonancia magnética, equipos TAC, salas de hemodinámica, radioloxía bascular ou neurorradioloxía.

“Agora levaremos adiante a Fase 1, que suporá 40 millóns de euros para a construción da torre polivalente e os novos accesos, en colaboración co Concello da Coruña. Queda pendente de licitar ao longo deste ano a fase 2, que suporá un investimento de 228 millóns de euros; e restaría a fase 3, cun custo estimado de 157 millóns de euros”, explicou.

MÁIS ACTUACIÓNS EN MATERIA DE SANIDADE

O líder dos populares galegos lembrou a recente adxudicación de 16 prazas de médicos de urxencias e destacou a entrada en funcionamento do novo Hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil no Materno. Tamén se referiu, no ámbito da Atención Primaria, á posta en marcha do centro de saúde de Novo Mesoiro e amosou o compromiso de avanzar na construción do centro de saúde de Santa Lucía, para o que avogou pola colaboración municipal para comezar as obras no antigo mercado.

O candidato do PPdeG agradeceu a colaboración da Fundación Amancio Ortega na dotación de aparatos de alta tecnoloxía na sanidade galega e na construción de residencias de maiores nas sete cidades galegas. No caso concreto da Coruña, destacou que a residencia estará operativa este ano para albergar a 150 persoas.

“Sempre hai que dar pasos cara adiante e en Galicia hai unha aposta decidida por apoiar ás familias e loitar contra todo o que supoñen os prexuízos do inverno demográfico”, manifestou Rueda lembrando iniciativas postas en marcha neste sentido como a gratuidade das escolas infantís, as creación de casas-niño en máis de 100 concellos galegos, as axudas para actividades extraescolares ou de reforzo escolar, así como a gratuidade da universidade para os estudantes que aproben.

Neste sentido, o presidente do PPdeG anunciou “un paso máis no apoio ás familias e daquelas mulleres que queiran ter fillos”, ofrecendo un novo estímulo para loitar contra a baixa natalidade. Así, explicou que na actualidade os procesos de fecundación in vitro na sanidade pública galega está limitados ás mulleres de ata 40 anos e para un único fillo. Pero “a partir de agora imos apoiar con máis intensidade a estas mulleres e propoñemos que ese proceso se estenda ata os 45 anos e non só para o primeiro fillo, senón tamén para o segundo e sucesivos”, subliñou.

Alfonso Rueda apuntou, ademais, que “ata agora a conxelación de óvulos na sanidade galega só se podía facer se existía unha patoloxía que xustificara a solicitude da muller, pero a partir da vindeira lexislatura calquera muller que desexe conxelar no sistema público poderá facelo, eliminando o requisito de ter unha patoloxía”. Son, segundo subliñou “solucións prácticas para loitar contra o problema demográfico que temos”.

Na súa intervención, o candidato do PPdeG tamén falou de mobilidade, destacando a construción, xunto co Goberno central e o Concello, da nova estación intermodal, na que a Xunta investirá 40 millóns de euros. “Queremos que a intermodalidade chegue tamén á Coruña e chegue a tempo para atender as necesidades da Alta Velocidade ferroviaria”, sinalou ao tempo que lamentaba descoñecer “cantos trens van vir e cantas frecuencias”.

Ademais, avogou por seguir reivindicando o Corredor Atlántico de Mercadorías, sobre o que pediu “pasar das palabras aos feitos”; e dixo que “seguiremos impulsando o transporte público por estrada, coa gratuidade do servizo para menores de 21 anos e, agora, tamén para maiores de 65 anos”; e a conxelación das peaxes nas autoestradas de titularidade da Xunta “mentres as tarifas da AP-9 e a AP-53 volveron a subir e situarse entre as máis caras de España”. Como novidade, anunciou a posta en marcha do Intercity express, un transporte por estrada en autobús para conectar as sete cidades galegas, sen paradas intermedias e a prezos asumibles.

No ámbito da vivenda, recordou as 40 vivendas que recentemente se entregaron no barrio de Xuxán e avanzou que se prevé a construción de 1.600 máis nesta zona, entre as que fará directamente a Xunta e aquelas de promotores privados.

RECUPERAR A FACHADA MARÍTIMA

Rueda incidiu na “oportunidade que supón o proxecto para recuperar a fachada marítima da Coruña e abrir a cidade ao mar”, e reiterou que “a Xunta ten dispostos para este mesmo ano 20 millóns de euros para colaborar co Concello e recuperar para os coruñeses o fronte marítimo”.

Para rematar, o presidente do PPdeG falou de educación, cifrando en 22,4 millóns de euros o investimento previsto no plan a catro anos para levar a cabo obras en 45 colexios e institutos da cidade; e tamén de deporte, con 9,2 millóns de euros destinados ao apoio a clubs, becas a deportistas, ademais doutros 7,5 millóns para remodelación ou mellora de instalacións deportivas coruñesas.

De cara ao futuro, Alfonso Rueda considerou “un éxito colectivo e unha actuación intelixente conseguir a sede a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) en A Coruña, a opción que tiña máis posibilidades que ningunha outra”. Ademais, sinalou que a Cidade das TIC, –que xa conta con dous edificios funcionando neste momento– seguirá contando co apoio da Xunta para a construción este ano dun Centro de Formación Avanzada en transición dixital e verde, así como a posta en marcha do centro de investigación CITIC 2.