Alfonso Rueda: “Cada galego, viva onde viva e vote o que vote, ten en min alguén en quen confiar”

Hoxe, no mitin de peche de campaña na Coruña ao que asistiron 3.500 persoas e no que tamén participaron o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, o cabeza de lista pola provincia, Diego Calvo, e o presidente local do partido, Miguel Lorenzo

  • Se obtén a confianza dos galegos para seguir dirixindo o destino de Galicia, comprométese a “gobernar para todos sen sectarismos, sen adoutrinamentos, sen fronteiras e sen divisións entre bos e malos”
  • “Votemos polo que somos, polo que é Galicia: unha terra aberta e que quere un futuro compartido. Non é o momento de separarse. É o momento de superarse e facelo xuntos e convencidos”, engade
  • “Este domingo hai que atender á familia, aos amigos, facer deporte, descansar, pero sobre todo votar. Non hai escusa de ningún tipo”, afirma

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento a “seguir construíndo a Galicia que soñaron os nosos pais e avós para poder legarlle o mellor aos nosos fillos”, onde a ninguén se lle pregunte de onde vén ou o que pensa e que só mire cara o futuro: “Cada galego, viva onde viva e vote o que vote, ten en min alguén en quen confiar”

O líder dos populares galegos iniciou a súa intervención agradecendo a todos os que fixeron posible unha campaña electoral “inesquecible” enchendo masivamente todos os lugares onde se celebraron mitins ao longo destes 15 días, incluídos os galegos que desde o exterior “viven Galicia en primeira persoa, con preocupación, con actitude construtiva e con sentimento”.

“Esta gran mobilización era necesaria e demostra aos que pensaban que isto non podía ser como sempre que non só foi como sempre, senón que foi a mellor campaña do Partido Popular de Galicia”, afirmou antes de pedir aos seus un último empuxón para seguir traballando “con convicción e disposición a falar con quen queira escoitar” ata o 18 de febreiro.

Subliñou acto seguido que non importa o tempo que faga o domingo, xa que o que realmente importa é votar e encher as urnas: “Este domingo hai que atender á familia, aos amigos, facer deporte, descansar, pero sobre todo votar. Non hai escusa de ningún tipo. E, se votamos, o domingo pola noite celebraremos e o luns porémonos a traballar”.

Alfonso Rueda aproveitou este último día de campaña para volver pedir o voto “para a Galicia que funciona” dirixíndose tanto a todos aqueles que sabe con seguridade que o van votar como a aqueles que, máis que nunca, “están agardando que alguén lles pida a súa confianza con argumentos e convicción”.

A todos eles dálles a súa palabra de que non vai renunciar a nada do que prometeu en campaña, nin fará cousas que dixo que non faría. Remarcando que todo aquel que vota ao PPdeG ten que ter claro que vota a un partido que “cumpre os seus compromisos porque cre no valor da palabra dada”.

Pediu así a confianza de todos eses votantes do PSOE que xa non recoñecen nin entenden a un partido “rendido ás ordes dos de arriba e totalmente entregado ao independentismo”. A todos eses “verdadeiros socialistas” aseguroulles que poden confiar nel do mesmo xeito que aqueles que noutras ocasións votaron a outras formacións: “Esta vez necesitámosvos máis que nunca”.

“Despois de que todos fagamos unha reflexión e de que cada un vote o que estime conveniente, eu me comprometo a que, se obteño a confianza dos galegos para seguir dirixindo o destino de Galicia, a gobernar para todos sen sectarismos, sen adoutrinamentos, sen fronteiras e sen divisións entre bos e malos”, afirmou.

“EN GALICIA CABEMOS TODOS”

Alfonso Rueda reivindicou “liberdade para sentir, vivir e falar nunha Galicia na que cabemos todos” fronte aqueles que pensan que “só serve o seu xeito de pensar, que só hai unha maneira de sentir e de ver a vida” e “non entenden o orgullo e o recoñecemento que supón ter dúas linguas nas que poder falar”.

“Este domingo votemos polo que somos, polo que é Galicia: unha terra aberta e que quere un futuro compartido. Non é o momento de separarse. É o momento de superarse e facelo xuntos e convencidos”, engadiu convencido de que “nunha Galicia que se supere hai moitas máis vantaxes que nunha Galicia que se separe”.

Defendeu así a Galicia do sentidiño, que convive tranquila e sen crisparse, que é líder en formación da xente nova, en innovación, en apoio ás familias, en servizos públicos e na que cada mozo ten garantido un futuro a través do ensino en todas as etapas educativas.

E, do mesmo xeito, avogou por unha Galicia que siga ofrecendo alternativas ao abandono escolar, na que se paguen cada vez menos impostos, que estea mellor comunicada, que respecte aos maiores, que respecte o seu patrimonio natural e cultural e que aproveite as oportunidades de crear emprego e riqueza.

“Quero unha Galicia na que cada galego poida elixir como vivir e como quere que sexa a súa propia historia. Unha Galicia sen imposicións, que viva en liberdade, en plenitude e sen complexos. Unha Galicia orgullosa de si mesma e que non teña necesidade de mirar cara outros lados nin de importar modelos fracasados”, concluíu Rueda pedindo a todos os galegos que “voten con orgullo do que somos”.