Alfonso Rueda confía no apoio de Lugo e defende que os bos resultados do PP na provincia son resultado da motivación e o convencemento do que hai en xogo en Galicia

Hoxe, nun mitin en Lugo ao que asistiron un milleiro de persoas e no que participaron ademais a cabeza de lista pola provincia, Elena Candia, e os tamén candidatos Cristina Sanz e Javier Arias

  • Reivindica o balance do traballo feito na provincia, como o CIS no Barrio da Residencia, o equipamento oncolóxico do HULA e comprométese a poñer en marcha un centro para persoas con Alzheimer e a executar a demandada Rolda Leste
  • “En vez de falar mal de Galicia como fan outros, eu o que quero é dicir que imos ben e que temos que mellorar aínda máis”, asegura ao tempo que avoga por “non volver ao modelo de imposicións e de división entre bos e malos galegos que xa tiñamos superado”

11 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu hoxe un último esforzo ao partido na provincia de Lugo para acadar unha maioría absoluta coa que frear o retroceso que pretende implantar o multipartito e seguir sendo unha envexa para toda España: “Confío moitísimo na provincia de Lugo porque sei que os seus bos resultados son froito da motivación e do convencemento do moito que nos xogamos o 18 de febreiro”.

A cambio, ofrece aos lucenses o balance do feito nestes anos e un programa serio e rigoroso no que se inclúen medidas que se van cumprir. Falou así do Centro Integral de Saúde (CIS) no Barrio da Residencia, o futuro centro de saúde no Sagrado Corazón, o centro para persoas con Alzheimer que se porá en marcha no antigo Hospital de Calde ou o equipamento para o tratamento de enfermidades oncolóxicas que se instalou no HULA.

Apostou tamén pola mellora da vertebración territorial da provincia, con infraestruturas como a Ronda Leste ou a mellora das conexións ferroviarias. Así como por un apoio rotundo para que o proxecto de Altri “sexa unha realidade a pesar de que as plataformas vinculadas ao BNG teñan a desfachatez de pedir que non se dediquen fondos a unha iniciativa tan importante para Lugo e para Galicia”.

Alfonso Rueda asegurou que quere seguir sendo presidente de Galicia durante os próximos catro anos para que a nosa Comunidade siga apoiando ás familias e ás persoas con dependencia, atraendo investimentos e aproveitando oportunidades. E neste sentido amosouse categórico: “En vez de falar mal de Galicia como fan outros, eu o que quero é dicir que imos ben e que temos que mellorar aínda máis”.

“Non podemos volver ao modelo de imposicións e de división entre bos e malos galegos que xa tiñamos superado porque Galicia non é así”, subliñou ao tempo que ironizaba que se o BNG quere aspirar a gobernar, o primeiro que debería facer é “crear a Consellería de adoutrinamento e imposición monolingüística e a Consellería de asuntos exteriores para tratar cos seus amigos de Bildu”.

Fronte a isto, a un PSOE sometido “á matriz da Moncloa” e uns Podemos e Sumar “que se tiran os mobles”, Rueda quere ser  “o presidente de todos os galegos e desde o primeiro día”.

CANDIA: “A GALICIA DO SENTIDIÑO DE RUEDA É A ÚNICA QUE FUNCIONA”

Pola súa banda, a presidenta do PP e cabeza de lista ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo, Elena Candia, apelou durante o mitin central de Lugo ao voto de diferentes grupos da sociedade.

“Humildemente, pido o voto ás mulleres dende un proxecto político que me permitiu escribir en feminino unha páxina da traxectoria de institucións coma a Deputación Provincial. Fun a primeira muller que a presidiu deixando un legado que aínda hoxe está vivo e que demostrou que gobernamos para todos. Son a primeira muller que preside o PP a nivel provincial. Somos un proxecto no que as mulleres temos oportunidade para decidir”.Tamén pediu a confianza dos maiores, “os nosos referentes que co seu esforzo e sacrificio nos deixaron unha sociedade mellor e para os que queremos que teñan todo o que precisen” como o está a facer o Goberno de Alfonso Rueda atendendo a 74.000 dependentes -fronte aos 16.000 que estaban atendidos polo bipartito- e a pesar de que “o Estado debe a Galicia máis de 2.500 millóns de euros para dependencia”.

Candia pediu o voto para os autónomos e empresarios, “máis pequenos e máis grandes, que demandades celeridade na burocracia, certezas e clarificación na nosa economía”.

Animou á xente moza a confiar no Partido Popular  nunha comunidade na que van ter a gratuidade na primeira matrícula universitaria, un apoio ao emprendemento, programas como o Talento 30, o programa de primeira experiencia na empresa, o Bono Mozo para o inicio da actividade que son medidas para reter o talento mozo e apoiar as súas primeiras experiencias laborais. “Galicia é un lugar excepcional para vivir e traballar. Que non se fíen dos que a critican e desprezan”.

“Precisamente dende o Campus de Lugo quero lembrar o compromiso do presidente Rueda por darlle continuidade ao mapa de titulacións universitarias, ampliándoo ou adaptándoo a unha oferta educativa especializada na agricultura, na gandaría e no sector forestal sustentable”, subliñou xusto antes de lembrar que “foi un presidente da Deputación do PP, Francisco Cacharro, o que fixo posible que existise en Lugo o campus universitario”.“O proxecto do Partido Popular apoia aos nosos gandeiros e agricultores nunha situación na que o Goberno central permite que se lexisle desde un despacho en Bruxelas asfixiándonos con trámites e burocracia”, dixo.

Candia pediu o voto a todos os que “estean convencidos de que as forzas e corpos de seguridade do Estado teñen que ter máis medios e máis seguridade: hai que protexer aos que nos protexen. Uns queren botalos, pero nós precisámolos preto”.

Igualmente, a cabeza de lista do PP lucense pediu a confianza “a quen quere a liberdade de poder elixir o idioma que fala, o deporte que practica… sen sectarismo nin políticas radicais e defendendo que somos lucenses e galegos, a mellor forma de ser españois”.Elena Candia tamén pediu o voto “a aquelas persoas que consideran que en política hai que ser coherentes. E ser coherente é facer o que se di. Non son coherentes no BNG, que critican as listas de espera noutras administracións, pero onde teñen responsabilidade de goberno as persoas que máis o precisan teñen que agardar ata dous meses para ser atendido por un traballador social. Non son coherentes quen defenden os dereitos dos traballadores na rúa, pero nas administracións onde gobernan permiten que un traballador estea encadeado reclamando o cumprimento dunha sentenza firme que recoñece que lle deben máis de 48.000 euros”.

“O teu voto decide continuar avanzando ou quedar á sorte dun pacto do que non coñecemos o seu contido. Pido o voto para afianzar o proxecto de Rueda, unha persoa leal, que escoita e empatiza coa xente” polo  “seu compromiso, a súa capacidade de xestión e por cumprir coa súa palabra. Rueda meréceo e Lugo precísao”, concluíu.