Alfonso Rueda fai un chamamento ao voto útil para evitar que o independentismo entre nas institucións de Galicia

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe estar máis preparado que nunca para seguir sendo presidente e pediu a confianza dos galegos ofrecéndolles a cambio a súa ilusión polo futuro e a experiencia destes anos para seguir camiñando xuntos cara unha Galicia que se supere a si mesma.

Nunha comida-mitin celebrada en Redondela na que estivo acompañado polo candidato pola provincia de Pontevedra Alberto Pazos e ante os 300 asistentes, subliñou que son moitos os galegos e as galegas que habitualmente non votan ao Partido Popular pero, sen embargo, non están de acordo con que o castelán se erradique das aulas, coas alianzas de determinados partidos con Bildu, nin coa posibilidade de que Galicia poida estar gobernada polo independentismo.

A todos eles dirixiuse para asegurarlles que o único voto útil para frear todo iso é o voto ás candidaturas do PPdeG nas catro provincias. Remarcando que coller calquera outra papeleta suporá facilitar que o independentismo entre nas nosas institucións.

A cambio, Rueda ofrece un proxecto ilusionante e confiable que aposta pola Galicia que funciona e un programa con medidas realizables que constitúe o seu pacto cos galegos que lle outorguen a súa confianza o próximo 18 de febreiro. Unhas medidas entre as que se atopa a de apoiar ás mulleres que queren ser nais con máis de 40 anos aumentando ata os 45 anos a idade de acceso á fecundación in vitro, eliminando o límite dun único fillo neste servizo e facilitando a conxelación de óvulos sen necesidade de ter unha patoloxía específica.

Ademais disto, apostou por seguir reforzando a sanidade pública, atraer novos investimentos que creen riqueza e emprego, construír máis vivenda pública, seguir vertebrando o territorio e facer de Galicia unha potencia en enerxías verdes.