Ourense, 08 de agosto de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, cargou hoxe contra o proceso de “primarias de paripé” emprendido polas Mareas, das que concluíu que “rematan antes de empezar” posto que “a cúpula impuxo un candidato fabricado por eles mesmos”.
“Nós xa estamos afeitos a que a cúpula das Mareas non respecte aos nosos votantes pero semella que agora nin sequera respectan aos seus propios”, afirmou Tellado, cualificando de “tomadura de pelo” as “falsas primarias” feitas co único obxectivo de “xubilar a Beiras”. O secretario xeral do PPdeG lembrou que membros da cúpula das Mareas teñen cualificado de “innegociable” a un único candidato e ironizou con que a presunta “campaña electoral” das primarias se produza de xeito “exprés”, en tres días e “na ponte de agosto”.
Tellado ofreceu estas declaracións no marco dunha rolda de prensa na que, acompañado polos deputados Miguel Santalices e Cristina Romero, fixo balance do goberno de Alberto Núñez Feijóo e dos seus resultados para a área de Ourense.
O número dous do PPdeG quixo por en valor os “feitos” que diferenzan ao PPdeG daqueles que só teñen palabras. “Mentres a oposición vai cada día a peor, Galicia vai a mellor”, salientou Tellado.
Santalices e Romero, que exerceron respectivamente como Presidente do Parlamento e vicevoceira do Grupo Popular no último tramo da lexislatura, lembraron a eficiencia e transparencia do Parlamento galego. Así mentres Santalices quixo destacar as novas canles de participación cidadá que permiten a presentación de preguntas e de iniciativas de impulso por parte da cidadanía, Romero centrouse na intensa actividade parlamentaria desta etapa, con 72 sesións plenarias nas que o 80% das iniciativas foron a proposta da oposición e a pesar do cal “perderon unha grande oportunidade de demostrar que poden ser unha alternativa”.
GALICIA E OURENSE, CRECENDO E CON MÁIS EMPREGO
O número dous dos populares galegos lembrou a “tendencia á alza” do emprego nestes momentos, en contraste coa tendencia á baixa que imperaba cando Feijóo accedeu ao goberno. Lembrou que taxa de paro é 3 puntos inferior á existente no comezo da lexislatura e que hai case 50.000 afiliados máis á seguridade social.
En concreto para a área de Ourense, a deputada Cristina Romero quixo lembrar o impacto positivo para a actividade económica que tiveron medidas como o Plan Termal, executado xa no seu 40% por Xunta e Deputación, a creación do Campus da Auga cun investimento de 4 millóns de euros ou as melloras nos atractivos turísticos da capital, coa rehabilitación dos retablos da Catedral, a posta en valor da Ponte Romana e a creación dun albergue de peregrinos na rúa Barreira.
GALICIA E OURENSE, MELLORES PARA VIVIR
O secretario xeral do PPdeG quixo referirse na súa comparecencia á mellora de servizos públicos esenciais como a xustiza, na que nestes sete anos investiuse máis en novas e reformadas infraestruturas do que se investira nos 13 anos anteriores. En concreto, a deputada Cristina Romero salientou o investimento en Ourense de máis de 17 millóns de euros nun edificio xudicial xa “en pleno funcionamento”.
No tocante á sanidade, Miguel Tellado lembrou que conseguiuse unha maior eficiencia, pois ao tempo que se está a realizar un maior número de intervencións cirúrxicas e de consultas hospitalarias anuais que en 2009, o tempo medio de espera de ambas atópase nos datos máis baixos dende que existen rexistros de listas de espera.
Tellado considerou que estes datos se contextualizan pola mellor organización das estruturas sanitarias, pola súa mellor dotación tecnolóxica coa implantación ao 100% da receita electrónica e da historia clínica electrónica así como polo plan de infraestruturas que ten levado a que “sete de cada dez galegos” viran construír ou reformar o seu centro sanitario de referencia.
No caso da área de Ourense, o deputado Miguel Santalices exemplificou esa mellora coa posta en marcha dos centros de saúde de Vilamarín, O Couto e A Valenzá ou co investimento de 41 millóns de euros nunha ampliación que engadirá ao CHOU 24.000 metros cadrados máis. O que foi tamén voceiro do grupo parlamentario en materia sanitaria en boa parte da lexislatura quixo tamén poñer en valor a implantación na área sanitaria de Ourense de vías rápidas para o tratamento de ata seis tipos de cancro, así como o traslado da atención residencial dos pacientes de saúde mental cara o hospital de Piñor.
Por último, na atención aos maiores, o número dous dos populares galegos destacou cifras como a diferenza entre os 14.000 dependentes atendidos en 2009 e os 50.000 que o estarán a finais desde 2016 ou os 2.700 usuarios do servizo de axuda no fogar de 2009 fronte aos máis de 12.000 deste exercicio.
Pola súa banda, a deputada Cristina Romero lembrou o avance das políticas de atención aos maiores na área de Ourense, destacando o reforzo de 9.000 horas do servizo de axuda no fogar para dependentes.