O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, quixo facer balance hoxe do ano que remata e destacou que 2017 deixa unha Galicia máis forte e preparada que a de hai 12 meses. O dirixente popular pasou revista a algúns dos fitos destes 365 días, e destacou dous: a desaparición definitiva da crise (aínda que non de todos os seus efectos) e a consolidación da autonomía como un dos territorios de referencia do Estado.
Respecto a primeira idea, Tellado lembrou que o PIB de Galicia está a crecer por riba do 3% durante os oito últimos trimestres consecutivos, o que demostra que a recuperación é una evidencia que ven acompañada, ademais, dun descenso sistemático no número de desempregados, ata preto de 20.000 menos ao remate de 2017 respecto ao inicio do mesmo.
Estes datos veñen acompañados dos datos de produción industrial, que medran por riba que no resto de España, e dun aumento sistemático das exportacións, o que demostra que os produtos galegos son de calidade e quen de competir cos do resto do mundo. Tamén por recuperacións evidentes en sectores como o lácteo ou o naval, que volve a ser referente en España e no mundo.
“Os datos non son froito da casualidade”, dixo Tellado, “senón de políticas como as da Xunta, que potencia as inversións en Industria 4.0, en proxectos no ámbito da automoción ou das TIC, que potencia a súa rede de orientadores laborais, que concede axudas aos autónomos, o que intensifica a súa axenda exterior en busca de captar inversións e socios comerciais”.
“Temos seis puntos menos de débeda que o conxunto do Estado e cun déficit do 0,3% non só podemos presumir duns dos mellores datos a nivel estatal senón que enfilamos 2018 na senda do equilibrio fiscal”, lembrou.
Pero os datos económicos non serían nada se non se traduciran en melloras para a calidade de vida dos galegos. “Por iso convertemos o aumento da riqueza en menos impostos para o rural, para a rehabilitación de cascos históricos, e tamén en manter as rebaixas no IRPF, no imposto de Sucesións”, dixo.
MÁIS EMPREGO E MÁIS SERVIZOS PÚBLICOS
Ademais, o novo contexto económico “permitiunos convocar a maior oferta de emprego público dende 2009, con case 3.500 novas prazas que potenciarán e mellorarán os servizos públicos en Galicia”. “Servizos como, por exemplo, o referido ás escolas infantís (un 80% máis de prazas que cando chegamos ao Goberno), a sanidade que seguimos mellorando a través da redución das listas de espera, ou a educación plurilingüe na que hai máis inglés e máis tecnoloxías que nunca”, apunta.
“Tamén puidemos ampliar axudas como as contempladas na Tarxeta Benvida ou mesmo os complementos ás pensións non contributivas. E todo iso na Comunidade Autónoma onde máis barato é estudar unha carreira universitaria grazas ás taxas máis baixas de España”, di Tellado.
Neste 2017 “avanzamos nos trámites para construír máis residencias para maiores, reforzamos a teleasistencia a domicilio e ampliamos o número de dependentes atendidos”; e todo iso traballando na vertebración do país e facendo que todos os galegos vivan a menos de 15 minutos dunha vía de alta capacidade. E o seguimos facendo traballando nas autovías da Costa da Morte, na Santiago – A Estrada, na do Morrazo, na vía do Norte ou na unión de San Cibrao coa A-52.
Para Tellado o mérito destas actuacións é do conxunto da sociedade galega, que con esforzo foi quen de superar os desafíos da crise e agora pode recoller os froitos dos seus esforzos.
“Non está todo conseguido, e é certo que os últimos anos deron ao traste cos sonos de moitos galegos. Por iso é a noso obriga axudar á sociedade de Galicia a deixar atrás os anos máis duros, e a facelo sen deixar a ninguén atrás”, dixo.
Pero Tellado lembrou que, máis alá da xestión dos grandes números e da priorización do gasto público, Galicia tamén aproveitou este ano 2017 para mostrar ao conxunto do Estado que é compatible ser unha nacionalidade histórica con ser leal co Estado; e que é compatible ser leal co Estado e defender os intereses dos seus cidadáns.
Neste 2017 no que algúns tensaron as costuras do marco constitucional arrogándose unha ficticia supremacía territorial, Galicia foi un exemplo de serenidade e sentido común. “Nin nos subimos ao carro dos que aproveitaron para mimetizarse cos independentistas cataláns, nin contribuímos coas nosas declaracións a tensar unha situación difícil de por si”, lembrou.
“Fomos leais co noso marco de convivencia, pero si lle dixemos ao Goberno e ao resto de comunidades que non se superará ningún conflito territorial co diñeiro dos galegos”, dixo, e apuntou que Galicia é un territorio de referencia no Estado e que terá voz nos principais debates que terán lugar o ano próximo.
En todo caso, “foi un ano razoablemente bo e que tentaremos mellorar tanto dende o ámbito autonómico como na configuración dos nosos equipos de cara a vindeira cita electoral: as municipais de dentro de 18 meses”, rematou.