O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que a Pedro Sánchez “aínda non lle dou tempo a estragar a gran herdanza económica que lle deixou o goberno do Partido Popular”. Así se expresaba logo de coñecerse os datos do paro de xuño, que reflicten que “Galicia volve demostrar que a súa estabilidade política repercute positivamente na evolución do emprego, con máis afiliacións que a media estatal”.
De feito, a Comunidade supera o millón de afiliacións e seguimos creando postos de traballo cun aumento dos afiliados do 2,72%, sendo a maior subida desde 2007 con oito meses consecutivos nos que o aumento anual supera o 2% e as 20.000 afiliacións. Así mesmo, trátase do maior incremento de afiliados en Galicia nos seis primeiros meses do ano desde 2007.
Ademais, Tellado destacou que contemos no primeiro semestre de 2018 con 15.000 desempregados menos xa que, de manterse esta tendencia, superarase o obxectivo da Axenda 20 de reducir o paro en 20.000 persoas ao ano. “Na actualidade o nivel do paro é moi inferior a xuño de 2009 e hoxe somos a terceira comunidade onde máis se reduce o desemprego, superando ao Estado na caída do paro nun 4,36%”, puxo en valor o secretario xeral.
Malia admitir que aínda queda moito por facer, Tellado quixo salientar a boa evolución mensual, pois o paro baixou en 6.631 persoas, a maior caída en termos absolutos desde xaneiro. A nivel intermensual, as afiliacións tamén aumentaron a maior ritmo que o Estado, colocándonos como a cuarta comunidade na que máis medran no último mes, en termos absolutos.
De igual xeito, Galicia supera a media de baixada do Estado en case un punto e a contratación en xeral sube nun 7,78% con 7.481 contratos máis que no mes de maio, mentres que no conxunto de España baixa un 0,13%.
ESTABILIDADE LABORAL E EMPREGO DE CALIDADE
“Desde o Partido Popular de Galicia debemos celebrar que Sánchez rectificase na súa idea de derrogar a reforma laboral que contribuíu decisivamente a sacar a España da crise”, remarcou o secretario xeral mentres engadía que “tamén celebramos que o PSOE comece a reivindicar os datos do paro, despois de anos menosprezándoos e dicindo que todos os empregos que se creaban eran precarios”.
Nese senso, Tellado recoñeceu que, en Galicia, “as condicións laborais dos nosos traballadores están mellorando grazas á estabilidade do Goberno galego que está permitindo incrementar o número de postos de traballo e blindar o gasto social”. Por iso agarda que a Xunta continúe desenvolvendo iniciativas que, ademais de xerar emprego, este sexa de calidade e provoquen que -como en xuño- “a contratación indefinida e a tempo completo sigan aumentando fronte a un descenso da temporal e a tempo parcial”.
Por outra banda, referiuse á importancia de proporcionar unha formación de calidade adaptada ás necesidades reais das empresas, algo que é tamén unha prioridade constante para o Goberno galego xa que “apostar pola formación significa apostar decididamente pola mellora do noso mercado laboral”.
Cómpre recordar que a Xunta está a investir este ano 135 millóns de euros en actuacións de formación e orientación para dar resposta ao novo escenario tecnolóxico. Concretamente, para contar con persoal máis e mellor cualificado estanse poñendo en marcha 1.500 cursos de formación en centros homologados para beneficiar a 23.000 profesionais en activo, as Unidades Formativas na Empresa coas que se apoiará a formación á carta de máis de 5.000 persoas a través de 577 cursos, os obradoiros de emprego nos que poderán participar máis de 2.350 persoas desempregadas ou os programas integrados de emprego no que se estima a participación de 4.300 desempregados.