Santiago, 16 de marzo de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que “é evidente que a todos nos gustaría subir máis as pensións, pero moitas veces a política consiste en distinguir entre o que se quere e o que se pode facer”, subliñando tamén que “ningunha formación lle pode dar leccións ao PPdeG de políticas para os nosos maiores”.
Nese senso, recordou que durante os diferentes mandatos de Alberto Núñez Feijóo, practicamente duplicouse o Orzamento para maiores e persoas con discapacidade, de 213 millóns en 2009 a 413 millóns en 2018; que hoxe temos unha cifra récord de atención á dependencia, con máis de 55.000 persoas atendidas, e chegaremos ás 60.000 antes de acabar a lexislatura -colocándonos entre as mellores Comunidades de España-; que a oferta de prazas públicas ou sustentadas con fondos públicos en residencias de maiores ascende actualmente a 7.769, un 34% máis que en 2009; e que, ademais, mantemos o complemento autonómico extraordinario a favor das persoas beneficiarias das Pensións Non Contributivas -un pago único de 206 euros ao ano para 40.000 galegos e galegas, o que supón un investimento de 8,2 millóns de euros-.
De igual xeito, remarcou que unha das mellores maneiras para facer sostible o sistema nacional de pensións é crear emprego para que aumente o número de cotizantes, algo para o que Galicia está a facer os deberes: no último ano sumamos 25.000 afiliados máis á Seguridade Social, e puxéronse en marcha políticas tanto para crear máis emprego como para mellorar a calidade do mesmo. Ademais, celebrou que Mariano Rajoy na súa comparecencia do pasado mércores puxese enriba da mesa as subidas das pensións de viudedade e de aquelas que teñen as contías máis baixas, posto que en Galicia afectarían practicamente á metade dos pensionistas.
Mentres o compromiso dos populares cos maiores quedou demostrado, Tellado recoñeceu que se aos partidos de esquerdas galegos de verdade lle importasen as pensións, axudarían ao seu partido a aprobar os Orzamentos Xerais do Estado, para que a suba se faga efectiva de xeito inmediato. “Se ás Mareas de Podemos e ao PSdeG lles importase Galicia e non só lles importase intentar desgastar ao PP, votarían a favor dos Orzamentos e apostarían por Galicia”, apuntou.
Igualmente, afeou a actitude dos partidos que lideran as protestas para que se suban as pensións: os socialistas, “que as conxelaron cando gobernaron”; e Podemos, “que no único país de Europa no que gobernan, que é Grecia, aplicaron xa trece recortes de pensións nos últimos anos”.
PRISIÓN PERMANENTE REVISABLE
Durante a súa intervención, o número dous do PPdeG tamén se referiu á cuestión da prisión permanente revisable, lamentando “que haxa unha parte significativa do panorama político estatal que decidise darlle as costas á unha reclamación inmensamente maioritaria da cidadanía”. “Estas formacións, nomeadamente os nacionalistas, Podemos e PSOE quixeron facer ver que esta é unha cuestión partidista, e nada máis lonxe da realidade”, engadiu.
Neste sentido, o secretario xeral quixo lembrar que a prisión permanente revisable existe en países do noso entorno e gobernados por formacións de distintas cores; que o xuíz e exministro socialista de Xustiza Juan Alberto Belloch manifestou publicamente o seu apoio a esta medida; e que mesmo Abel Caballero decidiu absterse no pleno do seu Concello para que saíse adiante unha iniciativa de apoio a esta figura presentada polo Partido Popular.
“Desde o Partido Popular de Galicia estamos acostumados a non poder tratar ningunha cuestión con Podemos e as Mareas, pero neste caso só nos queda lamentar a posición de un PSOE que algunha vez foi un partido de goberno que pensaba nos cidadáns e que hoxe é unha formación que vive permanentemente acomplexada polas posicións de Podemos”, subliñou. Por este motivo, afirmou entender a decepción que deben sufrir hoxe moitos votantes socialistas, “vendo que o seu partido se converteu nunha organización que, sempre que ten que escoller, escolle poñerse do lado de Podemos antes que do lado dos cidadáns”.
“Cremos que onte a política non estivo ao nivel que lle esixe a sociedade á que representa e non o estivo desde o momento no que o PNV presentou esta proposta e Ciudadanos lle dou vía libre para que se debatese no Congreso”, declarou Tellado.
FOLGA DE XUSTIZA
Por último, o secretario xeral do PPdeG, referiuse aos últimos acontecementos relativos á folga de Xustiza, convidando á oposición a que se pronuncie posto que hai uns días pedían que a Xunta cumprise o acordo parlamentario e agora que a súa oferta cumpre punto por punto tampouco apoian ao Goberno. “Están deixando ás claras que todo vale coa intención de intentar desgastar á Xunta”, recalcou.
Así mesmo, Tellado tamén fixo unha chamada á reflexión aos funcionarios, que teñen unha oferta moi xenerosa -entre Xunta e Ministerio supón un 13 por cento máis de soldo- e criticou que haxa sindicatos “que non queren acordo, senón que só buscan réditos e xa están convocando novas mobilizacións antes de que haxa negociación”.