Critica que Sánchez xogue coa lexislación laboral para tapar a difícil situación que cada vez viven máis españois sen que o Goberno lles axude
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que a verdadeira reforma que demandan os traballadores é que lles baixen o prezo da luz e os impostos. Así se expresaba en relación ao debate sobre a lexislación laboral feita polo PP, precisando que, con esta normativa e cos Orzamentos da Xunta, Galicia foi quen de crear emprego e reducir o paro, mellorando as cifras previas á crise económica da pasada década.
Por este motivo, salientou que non hai necesidade de embarcarse nunha complexa e incerta reforma lexislativa sen ningún tipo de consenso, nin diálogo social; e menos durante a saída da pandemia, un momento no que que todos os esforzos deberían estar centrados na reactivación económica e na recuperación dos empregos, así como en reducir unha factura da luz en máximos históricos.
Igualmente, resaltou que os populares non comprenden os motivos para reformar unha lexislación que creou tres millóns de empregos en España e que desenvolveu instrumentos tan útiles como os ERTE. “Non o entendemos nós, nin a Comisión Europea, nin boa parte do Goberno socialista, empezando pola vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño”, engadiu.
Como indicou, esta semana vivimos unha “posta en escena” entre Pedro Sánchez e as dúas vicepresidentas que só pon en evidencia a incapacidade do Goberno para chegar a acordos no máis esencial: “Se non son capaces nin de poñerse de acordo entre eles, como pensan desenvolver unha reforma que afectará ao sustento de milleiros de familias?”. Para Tellado, estamos ante unha nova cortina de fume por parte de Sánchez que emprega “fogos de artificio” para tapar a difícil situación que cada vez viven máis persoas no noso país mentres o seu Executivo non fai nada por axudalos.
Así mesmo, recalcou que, se Galicia é quen de crear emprego e reducir o paro por debaixo da media nacional só coa herdanza da lexislación laboral PP e coa xestión dos populares na Comunidade, “imaxinen o que seríamos capaces de facer se tamén tiveramos un Goberno central responsable, que non xogara cos nosos recursos como as mensualidades pendentes do IVE, que repartira xusta e axilmente os Fondos Next Generation, que non obrigara a marcharse ás empresas e á industria do noso país e que traballara cóbado con cóbado coa Xunta para mellorar a calidade de vida dos galegos”.
TRABALLAR UNIDOS DEFENDENDO AOS GALEGOS
Doutra banda, referiuse ás “duras” primarias que celebraron os socialistas en Galicia o pasado sábado e que, por unha marxe moi axustada, deron por vencedor a Valentín González Formoso, ao que felicitou e invitou a “abandonar a submisión a Ferraz do seu antecesor e a traballar por todos os galegos”.
Sen embargo, lamentou que, “cando pensamos que xa rematara a guerra interna do PSdeG, descubrimos que eses xogos do calamar socialistas aínda teñen unha segunda temporada á vista da relación entre Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso. Caballero pasou todo o seu tempo como secretario xeral facendo oposición a Galicia e agora parece que se quere dedicar a facer oposición á outra metade do PSdeG”. Sobre isto, admitiu que os populares agardan que esta formación deixe canto antes as súas loitas internas e empece pronto a facer unha oposición leal e construtiva coa que se poida chegar a acordos
Pola súa parte, tamén falou do congreso do BNG no que, “para sorpresa de ninguén”, Ana Pontón revalidará a súa posición como lideresa do independentismo galego: “Queremos felicitala. Esta fin de semana garantirá seguir, polo menos, durante dúas lexislaturas máis no Parlamento, 25 anos como deputada autonómica, medio século perdendo eleccións, a metade da súa vida pisando a moqueta vermella da Cámara galega”.
“O ano pasado xa superou a Fraga en anos como deputada, pero o seu obxectivo parece ser máis ambicioso e pretende ser como Isabel II. A Raíña Nai do independentismo galego que logrou que o Bloque mude as súas normas internas para derrogar a limitación de mandatos que había ata a súa chegada”, ironizou.
“Desde o PPdeG esperamos que nesta quinta lexislatura que celebrará Pontón no Parlamento se centre na Galicia real e non nunha imaxinaria que mira á Cataluña independentista”, dixo ao tempo que, de cara á asemblea nacionalista, pídenlle ao BNG que, “aínda que non renove aos seus lideres, si renove as súas ideas; que se separe do separatismo; que deixe de estar sometido a Madrid e teledirixido por Bildu e Esquerra; e que se una a nós na defensa dos intereses de Galicia e de todos os galegos”.