O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Ana Pontón fai política en Cataluña pedindo a independencia ao lado de dous convictos. “Esa é a verdadeira cara do BNG. Pontón, despois de 20 anos no Parlamento, xa non engana a ninguén”, engadiu.
O número dous dos populares galegos cuestionou así a presenza da nacionalista no mitin central de ERC onde acompañou a Oriol Junqueras e Arnardo Otegi. “Mentres aquí nega ser independentista, tan pronto sae de Galicia pide unha República de Cataluña libre do lado de dous delincuentes xulgados”, manifestou.
Segundo indicou, volveu o Bloque do nacionalismo decimonónico e radical que se opón a todo por defecto e que está aproveitando a pandemia para traer as súas vellas teimas como as nacionalizacións, a tarifa eléctrica galega ou a banca nacional galega-, “receitas de probada ineficacia”.
Ademais, admitiu que, pola súa parte, os socialistas están desaparecidos. “Atopamos unha oposición que non é útil a Galicia”, cun PSdeG atrapado entre as loitas internas pola sucesión e a patolóxica necesidade de defender a Pedro Sánchez, e un BNG que mostra a súa verdadeira cara, sacando o ideario independentista do avó, da man de Otegi e Junqueras”, insistiu.
Di que a oposición non é útil a Galicia, cun PSdeG absorto na carreira sucesoria e co BNG máis radical que nunca da man de Otegi e Junqueras
Fronte a estas actitudes, salientou que o Goberno do PPdeG segue centrado en combater esta pandemia, destinando todos os seus esforzos e recursos a axudar aos sectores que máis o necesitan, como demostra o Plan de Rescate máis ambicioso de España.
A COMUNIDADE QUE MÁIS APOIA Á HOSTALARÍA
Coa aprobación do segundo Plan de Rescate, que conta con 75 millóns de euros, Galicia convértese na Comunidade que máis apoia ao sector da hostalería e das pequenas e medianas empresas. En total, son 160 millóns de euros en apenas tres meses, unhas axudas pensadas para tramitar coa máxima axilidade posible para que se cobren canto antes.
Tellado contrapuxo así o absoluto compromiso do PPdeG e da Xunta coa deixadez por parte do Goberno de Sánchez na xestión da pandemia e o seu total abandono dos sectores máis afectados, definíndoo como unha vergoña e un auténtico escándalo ético e político. De igual modo lamentou que, se non o fixo durante a campaña electoral catalá, dubida que a partir do luns o Executivo central anuncie xa algún tipo de medidas de apoio.
O INTERESE PARTIDISTA DO PSOE
Durante a súa comparecencia, o secretario xeral tamén afirmou que a única motivación do PSOE é o interese electoral e partidista, tal e como reflicte a xuntanza de onte entre o ministro Ábalos e o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, para falar da AP-9.
Así, mentres a Xunta demandou en múltiples ocasións ao Ministerio a convocatoria da comisión de seguimento desta autoestrada sen obter resposta, o ministro só está disposto a reunirse cos compañeiros de partido. Sobre isto, recordou como xa o delegando do Goberno en Galicia puxo a súa Delegación ao servicio do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; e agora é Ábalos o que pon o Ministerio ao servizo do Alcalde de Vigo: “Basta xa da utilización partidista das institucións públicas por parte do PSOE”, sentenciou.