21, xuño, 2019. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, referiuse á ruptura confirmada no día de onte do Grupo das Mareas de Podemos que, como admitiu, “a ningún nos pillou de sorpresa e viña xestándose case desde o día despois das Eleccións Autonómicas”. “Estes espectáculos contribúen ao descrédito da política, e a min gustaríame que Galicia se mantivese á marxe da inestabilidade que estes partidos poden xerar nas institucións”, engadiu.
“Dentro do espectáculo ao que nos teñen acostumados as Mareas, quédannos uns meses de esperpento por vivir”, insistiu lembrando que os deputados que marcharon do partido En Marea e din que son de Galicia en Común estarán no Grupo En Marea, e aqueles que aseguran que aínda están na formación En Marea estarán no Grupo Mixto.
Tellado aclarou que os galegos non merecemos presenciar as liortas internas dunha formación política coma se fose un reality show, nin ter partidos que non empregan nin un minuto en pensar en Galicia, senón que dedican todo o seu tempo nas súas loitas de poder sen estar á altura do pobo ao que din representar.
VÁZQUEZ E MUÑOZ, SENADORES POR DESIGNACIÓN AUTONÓMICA
Por outra banda, o secretario xeral anunciou que o presidente do PP de Ourense, Jesús Vázquez, e a expresidenta do PP de Vigo, Elena Muñoz, serán os dous senadores por designación autonómica que proporá o Grupo Popular no pleno do vindeiro martes.
Segundo manifestou el rolda de prensa, trátase de dúas persoas preparadas, con experiencia e cunha traxectoria política moi relevante, “que poden aportar ao Grupo Popular do Senado un traballo serio, rigoroso e amparado na experiencia de xestión que os precede”.
Así mesmo, o número dous do PPdeG salientou que Vázquez e Muñoz teñen aínda moito que dar ao Partido Popular, e que desde a semana que vén o farán no plano da política nacional, “pero sempre, como ata agora, coa cabeza e o corazón en Galicia, en Ourense e en Vigo”.
UN MODELO DE PARTIDO PARA O LONGO PRAZO
Ademais, Miguel Tellado avanzou que o partido celebrará este sábado en Santiago unha Xunta Directiva autonómica que será o primeiro paso do camiño cara a vindeira cita coas urnas, unha data que afrontarán “con máis forza, máis unidos e máis ilusionados ca nunca”.
Deste xeito, indicou que a reunión de mañá “servirá de recoñecemento aos nosos 313 candidatos, demostrará que este partido non para, que traballa arreo e de xeito continuado en dar respostas que satisfagan as necesidades dos galegos; e amosará que temos un modelo de partido para o longo prazo”.
Nese senso, apuntou que, desde o Goberno ou desde a oposición, “o Partido Popular traballa todos os días para servir aos seus veciños e para mellorar de cara a vindeiros comicios, non se pode permitir quedar parado mirando aos resultados do mes pasado, porque entende que só desde a excelencia se poden cambiar realmente as institucións; e fai autocrítica, aprende en cada cita electoral e actúa con ánimo e ilusión para a seguinte porque non sabemos facelo doutro xeito”.
RAÚL FERNÁNDEZ, UN POLÍTICO NOBRE E DIALOGANTE
Tellado tamén quixo expresar ao inicio da súa intervención o seu fondo pesar polo pasamento do deputado do PSdeG, Raúl Fernández: “Foise un político nobre, dialogante, co que se podía chegar a acordos, pero sobre todo foise un home bo e cordial”, expresou trasladando as súas condolencias e as de todo o PPdeG ao Partido Socialista e á súa familia.