4, outubro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que “Pedro Sánchez, Teresa Ribera, Gonzalo Caballero e Javier Losada conseguiron o seu obxectivo: pechar a central térmica das Pontes”. “Todas as súas declaracións de preocupación, as súas fotos detrás dunha pancarta e as súas supostas reivindicacións son un paripé e unha farsa”, dixo insistindo en que o PSOE, desde que chegou ao Goberno, quixo pechar a central.
Así mesmo, sinalou que os socialistas galegos calaron todos estes meses como Javier Losada ou mesmo aplaudiron coma Gonzalo Caballero que, mentres Sánchez atacaba a unha industria clave para Galicia, “el estaba en Madrid nun mitin intentando ser o que máis lle facía a pelota”.
Segundo apuntou, o anuncio do peche da central chega tras unha secuencia que comezou en 2016, cando As Pontes presentou un plan de investimentos para alongar a súa vida útil ata 2045. Xa en xuño de 2018, Sánchez nomeou ministra á encargada de redactar uns meses antes o informe para o PSOE que pide o peche das térmicas, anunciando ambos desde o primeiro día a súa intención de pechalas a curto prazo e facendo numerosas declaracións ao respecto; e, en outubro de 2018, o Goberno eliminou o céntimo verde ás térmicas de gas e non ás de carbón, o que provoca que automaticamente o carbón deixe de ser competitivo.
Como admitiu, “unha vez máis, onde o Goberno central puxo un problema, a Xunta propuxo solucións”, posto que esta semana o conselleiro de Industria foi a Madrid co obxectivo claro de ser construtivos e apoiar unha fronte común que busque solucións reais á situación actual da central térmica das Pontes.
Sen embargo, Tellado lamentou que o Goberno, a través da ministra para a Transición Ecolóxica, confirmase que non ten ningunha alternativa viable que garanta a continuidade da actividade industrial e dos postos de traballo. “Isto é porque o único obxectivo e o único plan sempre foi o peche da central”, insistiu.
“Fronte a ruptura enerxética do Goberno, defendemos unha transición enerxética ordenada; e fronte a paralización total da térmica, defendemos a súa reactivación mentres se buscan os mecanismos que garantan a viabilidade futura da instalación e, sobre todo, das 750 familias afectadas”, destacou.
O secretario xeral salientou tamén que este é un territorio comprometido co medio ambiente e que demostra que “non é incompatible preocuparnos do emprego e da actividade industrial coa loita contra o cambio climático”, remarcando que a Autonomía xa produce o dobre de enerxía renovable do que a Unión Europea reclama para a vindeira década. Ademais, precisou que levamos anos reducindo as emisións de Dióxido de Carbono á atmosfera, “por iso non podemos consentir que un Goberno insensible con Galicia e unha Ministra de Intransixencia Enerxética Ecolóxica faga pagar a unha Comunidade que cumpre por aquelas que non o fan”.
AS METIRAS E A CHANTAXE DE SÁNCHEZ
Por outra banda, afeou a actitude de Pedro Sánchez, que anunciou nun mitin en Valencia que vai transferir parte dos cartos que lle adebeda ás Autonomías, despachando un dos temas máis importantes da axenda do Goberno nun acto de partido.
Para o número dous do PPdeG, este anuncio corrobora que Sánchez mentía cando argumentaba que non era legalmente posible facer estas transferencias -de feito, a Xunta demostroullo con informes xurídicos-, e que utilizou estes fondos para chantaxear ás Comunidades e conseguir unha investidura que non era capaz de lograr por outras vías. “E agora segue utilizando este diñeiro para facer anuncios electorais en mitins”, engadiu.
“O Goberno central ten que transferir os 700 millóns íntegros que lle adebeda a Galicia. Non nos imos conformar con menos da metade, que é o que di que quere ingresarnos”, aseverou ao tempo que subliñaba que “non lle imos permitir que negocie nin que regatee con recursos que son de todos os galegos porque os hospitais, as residencias e os centros educativos de Galicia non están en funcións e non poden estar supeditados nin á estratexia electoral nin ao márketing de Sánchez e os seus asesores”.
NO PSdeG NUNCA ESCOLLEN GALICIA
Por último, o secretario xeral referiuse á visita de Pablo Casado á nosa Comunidade este domingo, que asistirá a un acto sectorial de industria, agradecendo ao candidato popular á Presidencia do Goberno que veña a Galicia “a falar dos temas que nos interesan aos galegos e, seguro, que a poñer solucións enriba da mesa para os problemas que ten a nosa industria”.
Pola contra, lembrou que o causante da meirande parte destes problemas, Pedro Sánchez, virá a Vigo o día antes a falar dos temas que lle interesan a el: “Non sei se se atreverá a falar do dieselazo e do impacto que ten a súa persecución aos motores de combustión no sector do automóbil, tan importante na área de Vigo; do peche de ENCE, que tantos postos de traballo crea na provincia de Pontevedra; ou da débeda de 700 millóns de euros do Goberno central coa Comunidade. O que si que sei é que ningún socialista galego se atreverá a denunciar diante del todos os agravios que o seu Executivo comete con Galicia porque, sempre que teñen que escoller entre Galicia e o partido, no PSdeG escollen o partido”.