17, marzo, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o próximo 28 de abril o importante é que a nosa Comunidade gañe, “e para que Galicia gañe fai falta que Pedro Sánchez perda e sexa desaloxado da Moncloa”.
Segundo admitiu nunha entrevista concedida á Cadena SER, os últimos oito meses de Goberno de Sánchez foron perdidos para o país e para a nosa Comunidade, polo que incidiu en que o que se vota o 28 do vindeiro mes é decidir entre dous camiños: continuar polo que iniciou o socialista “de arruinar España e rompela” ou elixir o da creación de emprego, o da riqueza e o da gobernabilidade que só pode ofrecer o PP.
Por este motivo, apelou ao voto útil para o Partido Popular, o único que permite sacar a Sánchez do Goberno porque o resto “non se sabe a onde vai”. Nese senso, lembrou que se descoñece se Ciudadanos pactaría cos populares ou cos socialistas, e que apoiar a VOX nas urnas pode provocar que, nas provincias de menor tamaño, non se obtivese representación, algo que beneficia directamente ao PSOE. “E estou seguro que ningún votante de VOX quere que siga na Moncloa Pedro Sánchez”, engadiu.
Ademais, lamentou a radicalización do Partido Socialista nos últimos anos da man de Sánchez, capaz de pactar con Bildu, PDeCAT ou ERC. Ao respecto, Tellado recoñeceu que cre que hai moitos socialistas moderados que non están de acordo coa folla de ruta do secretario xeral do PSOE, que non pensa nin en España nin no seu partido, senón só en el mesmo; e apuntou que, como aconteceu en Galicia con Alberto Núñez Feijóo, van mirar nas próximas semanas cara o PP como solución de estabilidade e moderación.
O MODELO DA GOBERNABILIDADE E DA ESTABILIDADE
“Aspiramos a gañar e estou seguro que Pablo Casado será o próximo presidente do Goberno de España”, dixo o secretario xeral durante a entrevista, explicando que o líder do PP saberá parar a senda de destrución masiva que iniciou Sánchez.
Ademais, recordou que a súa formación é un partido de centro, moderado, reformista e que ten ocupado un papel fundamental na historia do noso país, especialmente nos momentos de crise, “cando os españois nos buscaron para xestionar a recuperación económica e buscar solución aos problemas que deixaron os gobernos socialistas”.
Así mesmo, subliñou que o exemplo de Galicia é o modelo a seguir pola súa gobernabilidade e por facer as cousas en tempo e forma grazas á maioría que os galegos lles deron aos populares no 2016, motivo polo que avogou de novo por lograr un maioría ampla que permita ao conxunto do país obter a estabilidade que si acadamos na nosa Comunidade.
Cuestionado polos posibles resultados doutras formacións, o número dous dos populares galegos incidiu en que Ciudadanos e VOX teñen unha escasa presenza en Galicia, posto que aparecen cando hai citas electorais pero “despois non existen”. De feito, declarou que cada vez que a formación laranxa fala de Galicia no Congreso demostra o seu descoñecemento sobre ela así como falta de sensibilidade con cuestións importantes para a Comunidade.
Por outra banda, referiuse á proposta do BNG para celebrar un debate na TVG cos líderes das forzas políticas con representación no Parlamento galego e, aínda que afirmou que os populares non descartan ningunha proposta, si manifestou que a petición só responde á necesidade de Ana Pontón de adquirir algo de protagonismo despois de que os galegos lles deran ás costas aos nacionalistas nos últimos comicios autonómicos e tras desaparecer tamén do Congreso dos Deputados.